O Concello abre 120 expedientes por incumprimentos de horarios dos establecementos de hostalaría de Monforte

25 de setembro de 2018. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte segue adiante co seu compromiso de regularizar a situación dos establecementos de hostalería en xeral, e moi en particular, os que están ubicados na rúa Duquesa de Alba.

O compromiso do Concello é ir normalizando o funcionamento dos establecementos cumprindo coa legalidade, tanto no que se refire a licenzas como no aspecto relacionado cos horarios establecidos na Lei da Xunta de Galicia.

O obxectivo do Alcalde, José Tomé, é facer compatible o dereito ó descanso co dereito á diversión, para que o conxunto de cidadáns vexan satisfeitas as súas necesidades.

Como xa ten anunciado o mandatario local en varias ocasións, a medida que os servizos municipais vaian rematando os expedientes, a Xunta de Goberno tomará as decisións que se deriven dos informes técnicos.

Así, nas últimas 5 Xuntas de Goberno Local (27 de agosto, 3 de setembro, 10 de setembro, 17 de setembro e 24 de setembro) acordouse a apertura de 120 expedientes de procedementos sancionadores por incumprimento de horarios a 10 establecementos.  

Os locais afectados e o número de expedientes de cada un deles son:

 

Valhalla...............................30

Goultier...............................29

Doumo................................26

Kviar....................................18

Revolution............................4

 El Caimán..............................3

Euphoria latina........................3

Molinon...................................2

VGL.....................................2

Magma................................1

Paris....................................1

KM Cero..............................1

 

Logo de que os propietarios dos locais reciban as comunicacións, poderán realizar as alegacións que estimen oportunas, para posteriormente, poder resolver de xeito definitivo.

O Alcalde, José Tomé, apela á responsabilidade dos donos dos establecementos “para facer compatibles as aspiracións de todos, dentro da legalidade e cunha flexibilidade razoable, porque con boa vontade todo é posible; o que non é posible é o todo vale”.

“O Equipo de Goberno quere ir dando os pasos administrativos con tranquilidade e a medida que os técnicos vaian elaborando os expedientes, e con seguridade xurídica para todos; pero a vontade de solucionar o problema é firme, por iso esperamos a colaboración de todos”, sostén José Tomé.

O rexedor engade que “pode resultar entendible que haxa actividade superando moderadamente os horarios permitidos, pero o que non é de recibo é que os locais permanezan abertos nas primeiras horas da mañá cando a xente ten que levantarse para ir traballar. O dereito ó descanso é prioritario”.