O Alcalde anima ós veciños a ir andando á romaría do San Mateo

18 de setembro de 2018. O Alcalde, José Tomé, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade para ultimar o dispositivo de seguridade que se vai poñer en marcha durante a romaría do San Mateo, o vindeiro 21 de setembro. 

Á reunión asistiron a Tenente Alcalde, Gloria Prada, membros da Policía Local e da Policía Nacional, da Garda Civil, do persoal de Servizos á Cidadanía, da Xefa do Parque Comarcal de Bombeiros e dos técnicos municipais de Cultura e de Medio Ambiente para organizar o dispositivo de seguridade que se vai poñer en marcha durante a romaría do San Mateo, o vindeiro 21 de setembro.

Ese día está previsto que a parroquia de A Parte acolla numerosos visitantes e, por ese motivo, na xuntanza acordouse establecer un único sentido de circulación na estrada de acceso ó campo da festa. Ademais, está previsto que haxa servizo de extinción de incendios de Medio Rural e, posiblemente, do Parque Comarcal de Bombeiros.

José Tomé aproveitou a reunión para facer un chamamento a tódolos veciños a colaborar e para lembrarlles a posibilidade de ir camiñando dende Ribasaltas ata a igrexa da Parte: “animo á xente a participar e a colaborar para que esta festa se celebre sen ningún incidente. Quero destacar tamén que a brigada de parques e xardíns realizou o desbroce deste tramo para deste xeito, poder facilitar que a xente realice este percorrido a pé e deixe os seus coches na casa. Isto axudará a desenvolver a festa sen ningún tipo de incidentes”.

 

 

Axentes no campo da festa

O dispositivo de seguridade estará dirixido pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.

Os axentes da Garda Civil vixiarán as saídas e as entradas ó lugar da romaría. Ademais, a Policía Local velarán pola seguridade do recinto da festa e dos seus arredores; tamén haberá efectivos da Policía Nacional. De feito, a noite previa á celebración da romaría haberá xa unha patrulla da Policía Nacional na zona, posto que se prevé que acuda xente para acampar. Todos estes axentes contarán coa colaboración do persoal de Servizos á Cidadanía.

Por outra parte, xa o día anterior, o Concello dotará o recinto da festa de varios contedores para que a xente poida depositar neles os residuos.