8 de novembro de 2018. O Concello de Monforte celebra os días 17 e 18 de novembro un mercado de outono na Praza de Abastos. Neste espazo vai ser posible adquirir os produtos desta temporada, como por exemplo: cogomelos, castañas, noces ou marmelos. Por outra parte, haberá repostería elaborada con eses mesmos produtos, como é o caso dos licores, da sidra e dos doces.
O mercado abrirá as súas portas o sábado de 10 a 14 horas, e tamén pola tarde, de 17:30 a 20:30 horas. No caso do domingo, o seu horario só será de 11 a 14 horas.
As persoas que o desexen poderán gozar dun Xantar menú micolóxico e produtos de outrono. Para iso, terán que poñerse en contacto co Espazo Gastronómico O Viñedo no teléfono 678 78 58 29 (Diego Dapresa). Ademais, o sábado, a partir das 20:30 horas, haberá un magosto popular no Espazo Gastronómico O Viñedo.
O Alcalde, José Tomé, destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade”.
Actividades para os nenos
Cómpre destacar que os máis pequenos da casa poderán gozar dun obradoiro de elaboración de guirnaldas de follas das diferentes árbores dos nosos bosques. Será o sábado, ás 18 horas.
Na xornada do domingo 18 haberá un contacontos de outono Caxoto, de 12 a 13 horas.