A pasarela do barrio das Cruces xa está operativa

26 de novembro de 2018. O Concello de Monforte informa que os peóns xa poden circular novamente a través da pasarela que une o barrio das Cruces coa rúa Calvo Sotelo. Tal e como estaba previsto, as obras de mellora desta infraestrutura prolongáronse durante un mes.

 

 

O Alcalde, José Tomé, acompañado de responsables do ADIF e do concelleiro de Servizos, José Luis Losada, achegáronse ata a zona para supervisar o resultado final dos traballos: “foron varios os veciños da zona que xa me manifestaron a súa satisfacción polo resultado da obra. Agora, o seguinte paso que imos realizar dende o Concello é o arranxo dos accesos á pasarela, unha actuación que temos previsto acometer ó vindeiro 2019”, indicou o rexedor, “o que pretendemos é conseguir unha comunicación máis fácil entre o barrio das Cruces e a rúa Calvo Sotelo”.

 

Novo firme para a pasarela

 

As obras de mellora estiveron a cargo do ADIF e consistiron nunha detallada revisión da estrutura, así como na dotación dun novo firme. Por outra parte, a actuación programada nesta infraestrutura incluíu tamén a reparación das varandas, a eliminación do óxido e o pintado.

 

O mandatario local acordara co responsable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para a zona de Monforte, Luis Palacios, a realización de obras de mellora da pasarela sobre as vías do ferrocarril entre o barrio de As Cruces e a rúa Calvo Sotelo. Así o determinaron logo dunha visita que ámbolos dous realizaron á pasarela para comprobar o estado no que se atopaba.