Monforte de Lemos, 22 de setembro de 2020. O Concello de Monforte informa que este xoves día 24 de setembro abrirá a Feira do Mercado Gandeiro de Monforte, restablecéndose así este evento mensual, logo de que tivera que ser suspendido por mor do brote de Covid-19 que afectou á cidade a finais do pasado mes de agosto.
Deste xeito, logo de contar o Concello con informes favorables do Sergas que indican que o mencionado brote de Coronavirus en Monforte está controlado e estabilizado, decidiuse volver a autorizar a celebración desta feira no mercado gandeiro monfortino.
En todo caso, dende o Concello tamén se informa que a celebración da feira levarase a cabo seguindo os protocolos de seguridade e as normas específicas de actuación determinadas polas autoridades sanitarias ante a Covid-19.