O Alcalde de Monforte asina o decreto para o reinicio das sesións das Xuntas de Goberno e dos Plenos Ordinarios presenciais

Monforte de Lemos, 27 de maio de 2020. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, asinou na mañá de hoxe un decreto para establecer o reinicio das sesións ordinarias dos órganos colexiados do Concello, isto é, as sesións das Xuntas de Goberno, que se celebran os luns, e as sesións do Pleno Ordinario, que teñen lugar o último luns de cada mes.

Deste xeito, e con carácter presencial, o próximo luns 1 de xuño terá lugar a sesión da Xunta de Goberno ordinaria do Concello e o luns 29 de xuño celebrarase a sesión do Pleno Ordinario. Nas sesións presenciais destes órganos colexiados manteranse en todo momento as medidas de hixiene, distancia social e seguridade ante o Covid-19.

Antecedentes

Como consecuencia da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, a escala nacional e internacional, o Goberno do Estado ó amparo do disposto no artigo 4, apartados b) e d), da Lei Orgánica 4/1981, de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio, declarou, mediante o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional co fin de afrontar a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Por Decreto da Alcaldía do Concello de Monforte, de data 15 de marzo de 2020, dispúxose entre outros extremos, a suspensión das sesións periódicas ordinarias dos órganos colexiados do Concello, Xunta de Goberno, Pleno e Comisións Informativas, co motivo do citado Real Decreto 463/2020.

Do mesmo xeito, por Decreto da Alcaldía, de data 23 de marzo de 2020, dispúxose entre outros extremos, revocar as delegacións das atribucións da Alcaldía feitas na Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte de Lemos, por decreto da Alcaldía de data 17 de xuño de 2019.

Inicio da desescalada cara unha nova normalidade

No momento actual, España xa inicia un proceso de redución gradual das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade e de contacto social establecidas polo referido Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo.

Así, o pasado 28 de abril de 2020 o Consello de Ministros aprobou o Plan para a transición a unha nova normalidade, que establece os principais parámetros e instrumentos para a consecución da normalidade a teor do artigo 3 do Real Decreto 514/2020, 8 de maio.

Este procedemento, denominado de desescalada, estase articulado en catro fases, da fase 0 a fase 3, e estase aplicando de forma gradual e adaptable á evolución dos datos epidemiolóxicos e do impacto das medidas adoptadas.

Neste contexto, entre outras, a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, e a Orde SND/414/2020, de 16 de maio contempla a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación respectivamente da fase 1 e da fase 2 do Plan para a transición a unha nova normalidade e a flexibilización do número de persoas as que, coas medidas sanitarias ordeadas pola autoridade competente, lles es permitido compartir lugares de xuntanza.

Ante a evolución epidemiolóxica positiva e o oportuno cumprimento dos criterios establecidos, se procede a estender a flexibilización dalgunhas medidas que corresponden á fase 2 para determinadas unidades territoriais a cuxo fin a Orde SND/442/2020, de 23 de maio, modifica as unidades territoriais incluídas nas citadas fase 1 e 2.

Para a Comunidade Autónoma de Galicia, provincias de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, son de aplicación as restricións correspondentes á Fase 2 a partir do 25 de maio de 2020. (BOE n.º 147 de 24 de maio de 2020).

“Coa finalidade da volta a normalidade preexistente, que os órganos colexiados municipais volvan ó seu funcionamento ordinario e que a administración municipal continúe, na medida do posible, cun funcionamento habitual de forma que os cidadáns non se vexan afectados, mais do imprescindible, nas súas relación coa administración municipal, dende o Concello de Monforte procedemos a adoptar as medidas necesarias para a celebración das sesións ordinarias dos órganos colexiados municipais, e que exerzan as competencias que, con anterioridade á declaración do estado de alarma, viñan desempenando” indicou o Alcalde.


Foto de arquivo dun Pleno Ordinario celebrado en setembro de 2019

En consecuencia, con base no anteriormente exposto e con base no disposto nos artigos 21 e 23 da Lei da 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 43, 44 e 114 do regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF), aprobado por Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, o Alcalde resolveu mediante decreto asinado no día de hoxe:

  1. Deixar sen efecto o decreto da Alcaldía de data 23 de marzo do 2020 polo que se dispuxo a revocación da delegación de atribucións da Alcaldía na Xunta de Goberno Local.
  2. Declarar a vixencia do decreto de delegación de atribucións da Alcaldía na Xunta de Goberno local, de data 17 de xuño do 2019.
  3. Deixar sen efecto o Decreto da Alcaldía, de data 15 de marzo de 2020, polo que se dispuxo a suspensión das sesións periódicas ordinarias dos órganos colexiados do Concello de Monforte de Lemos (Xunta de Goberno, Pleno e Comisións Informativas), co motivo do citado Real Decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e, en consecuencia, proceder á celebración das sesións dos citados órganos nas datas que viñan determinadas con anterioridade, sendo a próxima sesión da Xunta de Goberno ordinaria e presencial o día 1 de xuño de 2020 e o próximo Pleno Ordinario e presencial o vindeiro día 29 de xuño do 2020.
  4. Dar traslado do presente decreto a tódolos concelleiros/as da Corporación e as unidades administrativas do Concello, así como á publicación no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello.