11 de xuño de 2018. Continuando coas melloras de saneamento e abastecemento de auga en distintas zonas da cidade, o Concello instalou recentemente unha estación de bombeo na rúa do Caneiro, nas inmediacións do Club Fluvial, para bombear as augas residuais á rede de saneamento.
Por indicacións da administración municipal, a empresa Aqualia renovou, o pasado mes de abril, a rede de abastecemento no treito que discorre entre o cruce de Doutor Casares con María Emilia Casas e ata o inicio da rúa do Caneiro, cunha tubaxe de fundición dun diámetro de 80 milímetros, e tamén se renovaron as válvulas de corte.
Para dar unha solución global ó conxunto da rúa do Caneiro, o Concello informa que a empresa Aqualia vai proceder á execución das obras de renovación da tubaxe de abastecemento de auga potable, que comezarán o luns, 11 de xuño. Primeiramente, os traballos inclúen a realización dun by-pass, para poder abastecer ós veciños mentres duren as tarefas programadas, o que vai permitir que os fogares e os negocios da zona teñan servizo de auga en todo momento.
Detalles da actuación
As obras consistirán na renovación da tubaxe da marxe dereita, no lado dos números pares, nunha lonxitude aproximada de 190 metros. A nova tubaxe que se vai instalar é de polietileno e terá 90 milímetros de diámetro e, nalgún treito, para ofrecer maior resistencia ó peso do tráfico rodado e vibracións, vaise empregar tubaxe de fundición dun diámetro de 80 milímetros.
Pola marxe esquerda da rúa do Caneiro, nun tramo de aproximadamente, 60 metros, e dado que hai menos edificios para dar servizo, a tubaxe que se vai instalar será de polietileno cun diámetro de 63 milímetros.
O Alcalde, José Tomé, considera que “esta é unha obra necesaria que dará solución ós inconvenientes que se viñan producindo nesa rúa. En canto a actuación estea finalizada os veciños e os comercios da zona gozarán dun mellor servizo porque desaparecerán os motivos que orixinaban as avarías”.
O rexedor engade que “esta actuación forma parte da nosa vontade de mellorar o servizo de auga potable no conxunto da cidade, como xa se ten feito noutros lugares, unha liña de actuación que se irá seguindo noutros puntos de Monforte”.