Comezan as tarefas de limpeza da lagoa do Parque dos Condes

Fecha: 
martes, Xuño 5, 2018 - 11:45

Tarefas limpeza lagoa parque condes

 

4 de xuño de 2018. As brigadas municipais, apoiadas pola empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L. comezaron esta mañá os traballos de limpeza e acondicionamento da lagoa do Parque dos Condes, é a cuarta que se leva adiante dende que José Tomé chegou á Alcaldía, e que era un seus dos compromisos para manter en bo estado esta zona da cidade.

O primeiro dos pasos foi o baleirado da auga para, posteriormente, poder extraer con maquinaria todo o lodo que se foi depositando no fondo da lagoa durante este inverno. Para iso, empregouse unha bomba cuxo aluguer ascende a 300 euros, mentres que o custe dos traballos da empresa contratada ascenden a 4.598 euros.

Coincidindo con estas tarefas, vaise proceder á instalación dunha nova bomba no geyser que se atopa no medio da lagoa, e que levaba dous meses avariada: “debido a que a reparación é bastante custosa, optamos por adquirir unha bomba nova, o que nos vai ofrecer maiores garantías”, sinala José Tomé. En concreto, a nova bomba custou 1.240 euros.

“A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade; co Parque dos Condes ó seu redor trátase dunha das zonas que atrae un maior número de turistas e tamén é un dos lugares máis visitados polos veciños e veciñas para dar paseos”, explica o Alcalde. José Tomé engade que “por iso, consideramos que a limpeza e o mantemento da lagoa é unha tarefa imprescindible para poder dar unha boa imaxe e que esta zona sexa unha das nosas mellores cartas de presentación”. O investimento total destinado ó acondicionamento deste espazo da cidade ascende a 6.138 euros.

 

Outros traballos de acondicionamento

Cómpre destacar tamén que hai uns días, o Concello tomou a decisión de substituír a valla de protección que se sitúa no lateral da lagoa do Parque dos Condes, nunha lonxitude de 30 metros. José Tomé explica que: “neste caso, aínda que non estaba rota, presentaba un importante estado de deterioro, xa que a existente tiña ó redor de 20 anos, polo que preferimos dotala dunha nova. Deste xeito, dámoslle un mellor aspecto e tamén garantimos unha maior seguridade”.

 

Por outra parte, os operarios municipais realizaron o desbroce da zona, “todo isto para que conseguir que esta zona da cidade presente unha imaxe o máis apropiada posible”, indica o mandatario local.