Monforte de Lemos, 4 de xaneiro de 2020. Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte, celebrada o pasado luns día 30 de decembro de 2019, o Equipo de Goberno aprobou a concesión de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que realizasen proxectos e actividades de prestación de servizos sociais no Concello de Monforte, realizadas no exercicio 2019.
Con estas axudas, o Goberno municipal intenta facilitar recursos de inclusión social, garantir a autonomía persoal e brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables.
Esta liña de axudas posta en marcha polo Concello de Monforte ten por obxecto, en verbas do Alcalde, José Tomé Roca, “fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios”.
A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2019 ascendeu a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención.
Beneficiarios e requisitos
As entidades que podía optar a ser beneficiarias destas subvencións de carácter social, debían cumprir os seguintes requisitos:
- Ter a súa razón social ou sede no Concello de Monforte de Lemos.
- Carecer de ánimo de lucro.
- Estar inscritas no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
- Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
- Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
- Que a actividade para a que solicitasen a subvención estivese prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais.
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
Quedaron excluídas desta liña de axudas as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenil, deportivo, ANPAS e profesionais.
Tras finalizar os prazos de presentación de solicitudes, e superados os pertinentes informes técnicos logo da revisión da documentación presentada en cada caso, a Xunta de Goberno do Concello aprobou a concesión das seguintes subvencións:
NÚM. |
ASOCIACIÓNS INSCRITAS NO REXISTRO |
IMPORTE SUBVENCIÓN |
1 |
AGORA |
2.000 € |
2 |
AUXILIA |
2.000 € |
3 |
ALBORES |
2.000 € |
4 |
AFAMÓN |
2.000 € |
5 |
CIOR GALICIA |
2.000 € |
6 |
RULIÑOS TERRA DE LEMOS |
802,85 € |
Todas estas axudas son independentes das actividades que se levan a cabo dende a Concellería de Servizos Sociais dentro do programa Activa Monforte, que se desenvolven no Centro Cívico e nas diferentes parroquias do Concello, e que teñen gran éxito de participación.