O Alcalde visita ós alumnos e alumnas que comezaron a traballar hoxe na 2ª fase do Obradoiro Dual de Emprego da Pinguela

Monforte de Lemos, 2 de decembro de 2019. O Alcalde, José Tomé Roca, visitou hoxe ós 20 alumnos e alumnas que participan na 2ª Fase do Obradoiro Dual de Emprego da Pinguela, promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Fondo Social Europeo e a propia administración municipal. Na visita estivo acompañado polo director do obradoiro, pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

As instalación da Escola Obradoiro, que contan con máis de 30 anos de historia e que se ubican nunha parcela municipal de 3.850 m², levan albergando xa varias Escolas Taller, Obradoiros de Emprego, cursos FIP, AFD, etc., converténdose dende hai anos no referente da Formación para o Emprego do Concello monfortino.

Por este motivo, e dado que as instalacións estaban moi deterioradas e obsoletas, e requirían urxentemente unha renovación total, dende o Concello de Monforte considerouse que o máis axeitado era abordar a través dun programa mixto de formación e emprego a renovación e modernización de ditas instalacións.

A iniciada en novembro de 2018, foi unha primeira fase da rehabilitación da Escola Obradoiro. Nela acometéronse os traballos de substitución dos módulos prefabricados existentes (módulos 1 e 4), por dúas edificacións en planta baixa, con cimentación e estrutura de formigón, cerramentos perimetrais de ladrillo cerámico revestido con morteiro de cemento coa cor incorporada, carpintaría exterior de aluminio e cuberta de chapa prelacada, para tres aulas, unha sala de xuntas, unha secretaría, un despacho de dirección e dous aseos.

Ademais, no propio proxecto de renovación das instalacións, foi reflexada a adaptación dunha aula destinada a uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC’s). Para elo, a través do desenvolvemento do itinerario formativo “fábricas de albanelería” deixarase feito a través de un dos módulos a pre-instalación de sistemas de comunicación para deixar preparadas as instalación, a fin de que a empresa instaladora da rede poida facer a instalación de telecomunicacións necesaria.

A segunda fase do obradoiro, que se iniciou hoxe, conta cunha subvención de 336.446 euros, dos cales o Concello de Monforte aporta 49.605 euros. Os traballos dan comezo hoxe mesmo e finalizarán o 1 de setembro de 2020.

O mandatario local destacou que “ a realización desta segunda fase do Obradoiro de Emprego da Pinguela, de nove meses de duración, vai permitir continuar coa mellora das instalacións da escola-obradoiro de A Pinguela. Deste xeito, completaremos a obra iniciada en 2018, e cando finalicen as obras, poderemos contar cun novo centro de formación ocupacional, nunhas instalacións moito máis modernas e actuais”.

 

Detalles da 2ª fase do Obradoiro de Emprego

A 2ª Fase do Obradoiro de Emprego leva por título Acondicionamento das instalacións da escola obradoiro de A Pinguela. Concretamente, formaranse nel 20 alumnos e alumnas, dos cales 12 persoas van realizar traballos de albanelería e outras 8 encargaranse das tarefas de fontanería.

O Alcalde apuntou que “con este Obradoiro dual de Emprego creamos 25 postos de traballo durante 9 meses; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 monitores, un director unha administrativa e proximamente un monitor de educación compensatoria”.

 “Os alumnos e o equipo docente, nesta segunda fase, traballarán na construción dos módulos 3 e 4, nos que se ubicarán aseos, vestiarios e varias aulas de xestión” sinalou José Tomé.

Unha vez rematado o obradoiro, destacou o Alcalde que “8 alumnos van ter a posibilidade de formalizar contratos de traballo en prácticas, a xornada completa e durante de 3 meses en empresas de Monforte. Polo tanto, este é un Obradoiro con compromiso de contratación”. Para esta fase, que ten por obxectivo promover a inserción laboral dos alumnos en empresas privadas, o Concello solicitou á Consellería unha axuda de 12.000 euros.

 

Mellorar a empregabilidade

Durante a visita, José Tomé destacou que “con este proceso formativo queremos contribuír a mellorar a vosa empregabilidade para que teñades máis posibilidades de inserción no mercado laboral. O noso obxectivo era crear emprego para as persoas que, lamentablemente, estabades sen traballo.”

O rexedor engadiu que “outra das nosas pretensións é que obteñades formación nunha actividade cada vez hai máis oportunidades de emprego por ser un dos ocos de mercado, e onde escasean profesionais relacionados coa profesión”.

O Alcalde tamén subliñou que os obradoiros de emprego son moi positivos “posto que axudan ós Concellos a levar a cabo proxectos que, sen este mecanismo, sería moi difícil de podelos levar á práctica. Ademais, fomentan o emprendemento”.

Na cidade de Monforte, o sector da construción está cada vez máis derivado á rehabilitación e reconstrución de novas vivendas, máis que a construción de grandes edificios, o que xenera na cidade un novo nicho de mercado para este sector que nos últimos anos volve a rexurdir como un xerador de emprego importante.

Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado. O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.