Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2019. Dende a Concellería de Igualdade de Monforte de Lemos a través do Centro de Información á Muller (CIM) informamos da presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2018-2023 do Concello de Monforte de Lemos (en adiante III PIOMH), que terá lugar mañá xoves 14 de marzo, no Salón de Plenos do concello, en dúas sesións: a primeira ás 12.30 horas dirixida ao persoal político e técnico do concello e a segunda ás 13.30 horas dirixida aos axentes sociais e económico do municipio.
A presentación correrá a cargo de Paloma Seijo Anca, técnica da empresa Senes desenvolvemento Comunitario empresa que prestou a súa asistencia técnica baixo a dirección, coordinación e desenvolvemento do persoal municipal do CIM.
Ao longo da vixencia dos anteriores Plans de Igualdade foron numerosos os materiais elaborados, os estudos e campañas realizadas, as actividades de sensibilización, xornadas, etc. Coa aprobación deste III PlOMH, o Concello de Monforte ven de ratificar o seu compromiso coa Igualdade, símbolo de identidade deste municipio, afianzando o camiño emprendido no ano 2009 co I Plan de Igualdade e renovado no 2013 coa aprobación do II Plan.
Somos conscientes que nestes anos evolucionamos pero na nosa sociedade aínda permanecen pautas culturais e estruturas sociais que lexitiman a negación e subordinación que historicamente padeceron as mulleres en relación cos homes. Por este motivo o Concello de Monforte da un paso máis e presenta este III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, para que constitúa unha resposta eficaz ás necesidades da poboación de Monforte e logre unha igualdade real entre homes e mulleres.
Na elaboración deste III PlOMH implicáronse diversos axentes tanto públicos como privados, axentes sociais e organización non gobernamentais, querendo agradecer desde aquí, a todas estas persoas, o seu esforzo.