O Alcalde e o Presidente da Deputación, acompañados de varios concelleiros, inauguran a rúa do Conde

Hoxe abren ó tráfico as rúas Estrella e do Conde, coas mesmas direccións para vehículos que xa existían antes do inicio das obras. O Alcalde, José Tomé, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, visitaron esta tarde o resultado das obras acompañados de varios concelleiros. “Os traballos nestes dous viais comezaron o pasado mes de xaneiro e remataron hoxe mesmo, polo tanto xa quedan ó servizo dos veciños e veciñas de Monforte, destacou o mandatario local.

 

As actuacións en ámbalas dúas rúas supuxeron un investimento moi importante, posto que acadou os 250.327 euros. Concretamente, o custe da obra na rúa Estrella foi de 84.173 euros; mentres que no caso da rúa do Conde, os traballos supuxeron un investimento de 166.154 euros.

 

Do total dos 250.327 euros, a Deputación de Lugo aportou 196.700 euros, o que representa un un 78%, aproximadamente, do total. Os cartos do organismo provincial proceden do Plan Único de 2017. Por outra banda, o Concello de Monforte achegou 53.627 euros, un 22% do custe total, con fondos propios do orzamento de 2017.

 

A obra realizada supuxo a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como unha reordenación e renovación do pavimento, con dous tipos de tratamento: un para uso peonil de granito, e outro para a circulación de vehículos, que é de formigón pulido.

 

Rúa do Conde

 

Polo que respecta á rúa do Conde, o Alcalde destacou que “a pesar de ser céntrica e de que pertence ó casco histórico da cidade, sempre foi a grande esquecida, e non se recorda ningunha obra de mellora en décadas”.

 

Por outra parte, José Tomé apuntou que o Concello de Monforte decidiu levar adiante esta obra para reducir o grao de perigosidade ó que se expoñen os peóns, para mellorar a accesibilidade ás vivendas e para regularizar as condicións do tráfico.

 

Rúa Estrella

 

Cómpre subliñar que se trata dunha vía fundamental, pois comunica unha das arterias principais da cidade, como é Roberto Baamonde, con outra das principais vías de entrada e saída de Monforte, como é Benito Vicetto.

 

Neste caso, os traballos consistiron na renovación integral da vía, que inclúe as beirarrúas e a calzada. Tanto as beirarrúas como o pavimento atopábanse bastante deteriorados.

 

Os bordillos de pedra estaban moi irregulares e desnivelados e nalgúns puntos, incluso rotos. Con estas obras procedeuse á colocación dun novo bordillo mantendo e regularizando a alineación existente. Feito isto, instaláronse as novas baldosas cun novo tipo de plaquetas, similar ó que xa existe noutras rúas, para manter unha certa uniformidade da imaxe da cidade do Cabe.