A Xunta de Goberno local vén de darlle luz verde a un requerimento á empresa Aqualia, onde se lle solicita o importe pendente de executar das obrigas de investimento contractuais por un valor de 2.221.980,43 euros, máis o xuro legal dos cartos que proceda.
A partir de agora, a concesionaria do servizo da auga dispón dun prazo de 15 días para manifestar o seu posicionamento ó respecto. No momento no que se coñeza a vontade da empresa, a proposta da Alcaldía será remitida á consideración do pleno, xa que é o órgano competente para acordar esta decisión.
José Tomé sinalou que “temos o compromiso de intentar normalizar moitos contratos que estaban ensituación de irregularidade; un deles, é o de saneamento e abastecemento de auga, que en 2011 foi adxudicado á empresa Aqualia por 25 anos. Pois ben, 16 anos despois, aínda non se normalizou o seu cumprimento”. O mandatario local manifestou a súa confianza en que “desta volta o pleno se posicione de xeito favorable”.
Segundo procedemento formal a Aqualia
O rexedor lembrou que este é o segundo procedemento formal posto en marcha durante o seu mandato para “normalizar o cumprimento do contrato con esta empresa”.
José Tomé destacou que, ó pouco de chegar ó Goberno municipal, iniciou un diálogo e unha negociación con Aqualia. O obxectivo era analizar as débedas que a empresa tiña contraídas co Concello, e á inversa: “hai que ter en conta non só que a empresa deixou sen investir os 2.400.000 euros previstos no contrato, senón tamén que a administración municipal non actualizou parte do IPC, que tamén estaba recollido no contrato”.
Finalmente, o pleno da corporación rexeitara darlle luz verde ó resultado deste proceso de diálogo, que estaba avalado por informes técnicos municipais, así como da Deputación provincial e dunha asesoría externa.
“Nese momento, dende o Equipo de Goberno comezamos a estudiar un novo expediente, que éste que agora damos a coñecer e que está baseado soamente nas débedas da empresa co Concello. Por iso, encargámoslle á Secretaría e a Intervención unha análise da nova situación, así como a realización de informes para iniciar un novo procedemento e requerirlle a Aqualia os investimentos pendentes”, explicou José Tomé.