Esta mañá houbo unha reunión no Concello entre o Alcalde, o concelleiro de Servizos, o director da obra de demolición e o xefe da Policía Local para valorar a situación dos traballos de derrubamento do edificio 161 da rúa Calvo Sotelo.
Durante o encontro chegouse á conclusión de que a situación permite a apertura dos dous carrís de circulación, así como o paso de peóns. Con todo, vai ser preciso habilitar con vallas a zona de estacionamento da fachada da obra para o paso de persoas.
Isto implica que a beirarrúa dese lado quedará cortada, porque o seu estado aínda non permite con total garantía de seguridade, o paso das persoas, tal e como se describe nos informes do Director de Obra e do Xefe da Policía Local.
Con esta decisión, o Alcalde da cumprimento ó seu compromiso con veciños e comerciantes de abrir de xeito inmediato a rúa Calvo Sotelo para a circulación de vehículos e persoas, normalizando así a situación, tan pronto como o permitiron os correspondentes informes técnicos, antepoñendo sempre a seguridade das persoas por encima de calquera outra consideración.