O Concello instalará un novo pozo de bombeo na rúa do Caneiro para suprimir un punto de vertido ó Cabe

O Concello de Monforte vai acometer unha nova obra para seguir avanzando co seu Plan de Redución de Vertidos, desta volta, vaise eliminar un punto de vertido ó río Cabe na rúa do Caneiro, ó carón do Clube Fluvial.

 

O Alcalde, José Tomé, explicou que “actualmente, as augas residuais e pluviais das casas que teñen o saneamento cara a rúa do Caneiro verten directamente ó río, concretamente, uns metros máis abaixo da entrada ó Clube Fluvial” e engadiu que “nunca ninguén fixo nada para eliminar este vertido de augas fecais. Por iso, consideremos que esta obra é moi importante”.

 

Detalles da obra

 

A actuación consiste na instalación dun pozo de bombeo prefabricado nun punto previo á conexión coa fosa séptica. Este pozo vai incorporar todos os elementos e accesorios precisos (arqueta de válvulas, tapas...). Hai que destacar que o pozo de bombeo é resistente á corrosión, ten un material térmicamente aislante e ofrece garantías dunha completa estanqueidade, é dicir, non vai haber filtracións cara adentro nin cara fóra da instalación.

 

Ademais, a previsión é que os materiais cos que está realizado duren moitos anos, teñen tamén unha alta resistencia mecánica, o que significa que se pode soterrar ata unha profundidade dun metro ou máis. O pozo de bombeo disporá dunha capacidade de 11.000 litros.

 

Por outra parte, vaise realizar a correspondente instalación eléctrica para a súa alimentación. Así mesmo, a obra inclúe a canalización para a conexión coa instalación existente de saneamento, no cruce coa rúa Doutor Casares, rúa San Pedro e María Emilia Casas. Inclúese polo tanto, a rotura e a reposición do pavimento e da beirarrúa.

Tamén se instalará un pozo de rexistro, no que se producirá un cambio  de dirección na canalización. Terá un metro de diámetro e un metro e medio de profundidade, impermeabilizado. Levará unha tapa de rexistro de fundición, articulada, con peche, xunta de teflón para evitar ruídos e saídas de malos cheiros.

 

Estas obras inclúen unha tubaxe de bombeo de 110 milímetos de diámetro, de PVC presión (que ten unha alta resistencia), que irá ata o pozo de rexistro.

 

A maiores, haberá outra tubaxe de saneamento de 250 milímetros de diámetro, de PVC corrugado, que sairá dende o propio pozo de rexistro. 

 

Obxectivos da obra

 

O Alcalde destacou que “unha das prioridades deste Equipo de Goberno é a rede de saneamento municipal, así como a limpeza e a mellora da imaxe do río Cabe. Pero tamén queremos evitar sancións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

 

José Tomé engadiu que “esta obra que se vai realizar suporá unha considerable mellora da calidade das augas do río Cabe, xa que se dota de saneamento conectado á rede a unha zona que ata agora dispoñía dunha fosa séptica obsoleta, e que verte directamente ó río”.

 

Por outra parte, o rexedor sinalou que “unha das nosas prioridades é reducir os vertidos contaminantes e, nesa liña, a inversión que propoñemos é imprescindible tanto para prestar un axeitado servizo á poboación, como para evitar os vertidos ó río Cabe”.

 

O Alcalde explicou tamén que as instalacións actuais están deterioradas e obsoletas, e que este proxecto vai permitir ofrecer unha calidade de servizo moito máis axeitada e acorde cos tempos actuais.

 

As obras foron adxudicadas por un importe de 37.510 euros, IVE incluído, e está previsto que os traballos comecen dentro duns días.