As contas para 2018 prevén un aumento do gasto social, máis axudas para universitarios, a cultura e o deporte

O Alcalde, José Tomé Roca, acompañado da concelleira de Facenda, Gloria Prada, presentou a súa proposta de orzamentos para o vindeiro 2018, unhas contas que ascenden a 12.629.100 euros; o que supón un incremento do1’65% respecto do ano anterior. O mandatario local destacou que “as contas para o vindeiro ano teñen catro pilares principais: un marcado carácter social, incrementan o capítulo de investimentos, aumentan os fondos destinados para a promoción económica e reducen a débeda”.

 

José Tomé Roca foi debullando as diferentes partidas e, entre elas, destacou o incremento que contempla para o gasto social: “a subida máis importante prodúcese na axuda a domicilio, unha cantidade que pasa de 850.000 euros en 2017, a 1.050.000 en 2018, o que representa un 19% máis. Por outra parte, e posto que a situación económica aínda é difícil para moitas persoas, tamén aumentamos a partida de emerxencias sociais, de tal xeito, que pasa de 30.000 a 35.000 euros, un aumento do 14%”.

 

O Alcalde indicou que outra partida que se incrementa notablemente é a de Xantar na Casa/Centro de día, que pasa de 47.106 a 62.000 euros.

 

Melloras para os universitarios

 

Os presupostos para 2018 incrementan nun 14% a partida destinada a adquisición de libros de texto. En concreto, pasa de 12.000 a 14.000 euros.

 

Ademais, a proposta do Equipo de Goberno incrementa os cartos destinados ás axudas para o autobús dos rapaces universitarios na mesma cantidade, de 12.000 a 14.000 euros: “hai que lembrar que no anterior mandato, había 9.000 euros de axudas para o transporte dos mozos que estudian na Universidade. Dende a miña chegada a Alcaldía esa cifra aumentou en 5.000 euros, o que supón case un 36% máis”.

 

Deportes e Cultura

 

José Tomé Roca sinalou que “na área de deportes cumprimos o que dixemos ó inicio do mandato, polo que a partida de deportes aumenta nun 25% para clubes, co cal, neste terceiro orzamento acadamos xa o 75%”. A proposta de orzamentos de 2018 mantén tamén a partida que se creou o pasado ano e que está destinada a axudar ós deportistas que participan en campionatos de primeiro nivel”.

 

Cómpre destacar tamén que no apartado de Cultura os presupostos aumentan a partida de actividades en algo máis de 32.000 euros: “en concreto, pasamos dos 174.000 de 2017 a 207.000 en 2018, o que supón case un 16%”, indica o rexedor.

 

Melloras de mobilidade

 

Unha das novidades é que a proposta de orzamentos inclúe unha partida de 10.000 para asinar un convenio con COGAMI, “o que queremos realizar é un proxecto de mellora de accesibilidade, tanto en edificios públicos como nos espazos abertos de Monforte. A nosa intención é seguir mellorando a mobilidade das persoas con dificultades físicas”.

 

Outras partidas

 

A partida destinada a mellorar o alumeado público increméntase preto dun 100%, en concreto, pasa de 24.600 a 48.000 euros. Hai outro importe de 12.000 euros para eliminar a maleza do conxunto monumental de San Vicente.

Tamén se prevén partidas para a elaboración do Plan de Igualdade do Concello, para incrementar as actividades do Centro de Información á Muller (CIM) e para realizar melloras na gardería.

E coa previsión de que no 2018 a Xunta conceda un novo Obradoiro de Emprego, a proposta do Equipo de Goberno inclúe outros 24.000 euros.

Ademais, habilítase unha partida de 10.000 euros para elaborar un estudio sobre a sinalización turística de Monforte.

 

Investimentos

 

No apartado de investimentos, prodúcese un incremento de 118.000 euros, pasando dos 723.404 de 2017, a 842.000 de 2018. O que supón un incremento do 14%: “parte importante dos investimentos irá destinada ó selado do vertedoiro de residuos da construción que está situado por detrás da cerámica do Castelo”, explicou José Tomé Roca. Vanse destinar 239.000 euros en dúas anualidades para realizar esta obra.

 

Presupostos sociais e inversores

 

O Alcalde asegura que “dende o Equipo de Goberno estimamos que son uns bos orzamentos, que manteñen as grandes liñas do orzamento de 2017, melloradas e con actuacións novidosas. Sobre todo, son uns presupostos claramente sociais e inversores. Quero sinalar tamén que espero que sexan do agrado do resto dos grupos municipais e que permitan a súa aprobación”.