O acto conmemorativo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero celébrase o vindeiro sábado, 25 de novembro. Ese día haberá na Casa da Cultura unha visita guiada á exposición De berros e olladas, unha mostra de diferentes estilos fotográficos que trata de expresar de xeito visual a repulsa contra a violencia de xénero e que xa se pode visitar estes días. A visita comeza ás 19 horas e estará a cargo de Marga Piñeiro.
Posteriormente, haberá vaise representar S/T. Muller Casa, unha acción artística coa actuación de Patricia Vaud. A concelleira de Cultura, Marina Doutón, vai ser a encargada de pechar o acto coa lectura do Manifesto contra a violencia de xénero.
Outras actividades
As persoas que queiran expresar o seu rexeitamento e condena á violencia de xénero, poden dirixirse ó Concello para asinar nun libro. Estará nunha mesa á entrada da Casa Consistorial entre o 20 e o 30 de novembro.
O martes, 21 de novembro, Encarna Lago vai impartir o obradoiro artístico Palabras que unen / palabras que separan. Será ás 11:30 horas no Pazo de Tor. Esta actividade está promovida pola Rede Museística de Lugo en colaboración con ACADAR.
O mércores 22 e xoves 23, os alumnos de sexto de primaria dos centros educativos de Monforte asistirán na Casa da Cultura a unha serie de obradoiros nos que se traballará o coñecemento e a prevención da violencia de xénero no contexto dixital. A actividade, que estará a cargo da entidade Pantallas Amigas, foi concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, no marco da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.A concelleira de Cultura, Marina Doutón, sinala que “dende o Concello pensamos que esta é unha idea moi interesante para traballar cos escolares. Os datos reflicten que a violencia de xénero na adolescencia está en aumento e cada vez en idades máis temperás, por iso, consideramos que iniciativas coma esta poden axudar a atallar o problema. O manexo de móbiles e da internet é algo que está no día a día dos rapaces, por iso facer fincapé niso pode ser fundamental”.
Tamén o mércores, a Casa da Cultura acolle a charla Educación Dixital positiva: como controlar sen invadir, a cargo de Pantallas Amigas. Será a partir das 18 horas e está dirixida a todas aquelas persoas interesadas na promoción dun uso seguro e saudable das novas tecnoloxías entre nenos e adolescentes.
Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas
O venres, 24 de novembro, o Centro Cívico Social vai ser escenario da sesión formativa O papel do Ministerio Fiscal coas vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas nos procedementos civís e penais. Estará a cargo da Fiscal Delegada de Violencia contra a muller en Lugo, Aurea Martínez. Ó remate, haberá unha xuntanza da Mesa de Traballo.
O luns, 27 de novembro, o Fondo Galego de Cooperación vai impartir un obradoiro participativo, que estará a cargo de A Tropa de Trapo Contamos Todas, dirixido ós alumnos de 4º de Secundaria. A idea da actividade é concienciar sobre a existencia de desigualdades entre mulleres e homes. Será ás 11:30 horas na Casa da Cultura.
Vítima da violencia machista
O xoves, 30 de novembro, Inés Fernández Lamela presentará o libro As miñas fillas devolvéronme a vida, unha obra na que relata o maltrato sufrido durante 30 anos. O acto será no Centro do Viño a partir das 20 horas.