A Xunta de Goberno local aproba o expediente para a contratación das obras da depuradora do Porto Seco

A Xunta de Goberno local do Concello de Monforte deulle luz verde ó expediente para a contratación das obras da depuradora do Porto Seco. O Alcalde, José Tomé Roca, destacou que “por fin, en poucos meses, a plataforma loxística terá en servizo o saneamento que faltaba para que as empresas poidan instalarse nas súas parcelas”.

 

O mandatario local explicou que a previsión é que a adxudicación das obras se realice a comezos do vindeiro 2017. En concreto, José Tomé Roca baralla como posibles datas finais de xaneiro ou comezos do mes de febreiro: “o proxecto prevé que as obras estean rematadas nun prazo de tres meses, isto significa que en maio estarán rematadas as obras de saneamento que precisaba o Porto Seco, e polo tanto, a finais da vindeira primavera as empresas xa poderán estar en funcionamento na plataforma loxística”, engadiu o Alcalde.  

 

José Tomé Roca fixo fincapé en que “con esta obra ponse punto final a un capítulo que durou demasiado tempo. Esperamos que a implantación de empresas se cumpra canto antes. O Concello está desexando poder conceder licenzas a calquera empresa que o solicite e presente a documentación necesaria”.

 

Esforzo do Concello de Monforte

 

O Alcalde, José Tomé Roca, e a conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez, asinaron o pasado mes de maio un convenio de colaboración entre as dúas administracións que permitirá resolver o problema de saneamento do Porto Seco.

 

O documento establecía que o Concello e o goberno galego pagarían a medias a obra da estación depuradora de augas residuais da plataforma loxística. Cada unha das partes aportará ó redor de 143.990 euros, IVE incluido.Trala sinatura do convenio, hai agora sete meses, o Concello puxo en marcha os trámites oportunos coa Axencia Galega de Infraestruturas, o ADIF e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para poder obter os permisos que permitan a construción da depuradora que precisa o Porto Seco.