O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou esta tarde o uso que o Concello ten previsto darlle ó baixo do antigo Hotel Comercio, unhas dependencias que actualmente están baleiras e polas que a administración local paga un alugueiro de 308 euros mensuais dende outubro de 2013.
O mandatario local, que compareceu acompañado polas concelleiras Gloria Prada e Marina Doutón, desvelou que “unha parte do baixo, ó redor duns 50 metros cadrados, acollerán un centro público de recepción, atención e información ó peregrinos, independentemente de quen goberne, similar ó que xa teñen en Sarria ou en Mondoñedo”. José Tomé Roca engadiu que “nos cremos nos servizos públicos e por iso pensamos que a mellor maneira de recibir e de informar ós peregrinos é facelo dende un servizo prestado polo Concello”. O mandatario local apuntou tamén que “a ubicación é a máis idónea posto que por alí pasa a Ruta do Camiño, está preto da Oficina de Turismo e ademais, no mesmo local estará o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”.
O Centro de Recepción de Peregrinos terá unha sala de descanso, unha oficina de información e unha sala destinada a Centro de Interpretación do Camiño. O Alcalde agarda que o local poida dispoñer dun técnico de turismo, dun informador turístico e tamén de persoal que se adique ó mantemento do Camiño: “confío en que para o funcionamento da Oficina do Peregrino poidamos dispoñer deste persoal a través da Xerencia do Xacobeo. De feito, teño previsto reunirme co Xerente do Xacobeo e, a partir de ahí, poder dar todos os pasos necesarios”.
O Alcalde apuntou tamén que “para dotar de contido ó Centro de Interpretación, recurriremos a empresas especializadas, como xa fixeron en Mondoñedo”.
Detalles da obra
O proxecto de acondicionamento do baixo do antigo Hotel Comercio foi elaborado pola Oficina de Rehabilitación. Os traballos terán un custo total de 52.208 euros. Desa cantidade, 21.499 euros irán destinados á climatización e a electricidade do local, mentres que para as obras de albanelería propiamente ditas, fará falta unha partida orzamentaria de 30.708 euros.
O rexedor adiantou que no vindeiro pleno, previsto para o 2 de novembro, o equipo de goberno levará unha proposta de modificación orzamentaria para poder dotar de crédito á obra de acondicionamento do baixo do antigo Hotel Comercio: “Patrimonio xa nos concedeu a finais de setembro o permiso para poder realizar esta obra, así que agora xa podemos proceder á contratación dos traballos.
Está previsto licitar as obras durante o vindeiro mes de novembro para que o Centro poida estar operativo no primeiro trimestre de 2017.
Cómpre destacar tamén que o local acollerá unhas dependencias do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Para este organismo serán 46 metros cadrados. En concreto, terá tres despachos e un almacén.