A concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega Buján, desmentiu que o Concello xire recibos de impostos domiciliados con recargo, tal e como afirma o Partido Popular.
Vega afirmou que as manifestacións do PP “non nos collen por sorpresa, porque estamos acostumados á actitude da súa voceira que, a partir dunha base de realidade, monta unha gran mentira”.
A concelleira situou a orixe do problema na normativa europea que entrou en vigor hai un ano, a chamada SEPA (Zona Única de Pago en Euros). A raíz disto, houbo un cambio nos códigos bancarios de cada país e, segundo dixo Vega Buján “as persoas con recibos domiciliados entenderon, con bo criterio, que o Concello se encargaría de facer a traslación de datos das novas contas”.
Mª Xosé Vega manifestou que o Concello, coa súa propia aplicación informática, transformara os códigos antigos ós novos códigos das contas. Vega referiuse ás transformacións sufridas nos últimos anos polas entidades bancarias despois dos procesos de fusión o que, segundo dixo, “provocou que haxa recibos domiciliados en contas de bancos que xa non existen”. A concelleira manifestou que os servizos de intervención se dirixiran a todas estas entidades para que lles facilitasen o IBAN actualizado destas contas.
Para explicar o que sucedeu cos recibos con recargo, a concelleira de Facenda elixiu como exemplo o imposto do IBI por, segundo comentou “ser o de maior volume de recadación, porque na conta onde se domicilia o IBI soen estar domiciliados outros recibos municipais e porque, no caso de cobrar recargo este é o de maior importe”.
Os datos que ofreceu son que o Concello emite 26.143 recibos de IBI. Destes, están domiciliados 17.925, dos cales viñeron devoltos un total de 739. Entre os recibos devoltos, segundo explicou a responsable municipal de Facenda, “hai causas variadas e as únicas imputables a ter un número de conta incorrecto foron 199”.
Vega Buján dixo que dos 199 recibos devoltos por ter un IBAN incorrecto, “unha pequena parte das devolucións é atribuible ó Concello, pero a gran maioría débese a un problema con dúas entidades financeiras”.
En canto ós casos imputables ó Concello, afectan a aquelas contas das que a entidade municipal non tiña os díxitos de control, “motivo polo que non se cobran recargos nin intereses a ninguén” explicou a responsable de Facenda.
Polo que respecta ós problemas con dúas entidades financeiras, Vega Buján dixo que xa se falara con elas en varias ocasións e que o problema radica en que hai recibos domiciliados en contas pechadas incluso dende hai dez anos. A concelleira explicou que, ata agora, os bancos reenviaban estes recibos ás novas contas dos clientes, “algo que coa SEPA xa non poden facer”.
A concelleira dixo que este segundo caso non pode resolvelo o Concello, senón que teñen que ser os cidadáns os que veñan ó Concello para dar o seu novo número de conta. “Se o banco ou a persoa administrada non comunican ó Concello os seus novos números de conta, a entidade municipal non pode cambiar nada e seguirá enviando os recibos ós números de conta dos que dispón”, indicou Mª Xosé Vega.
A concelleira de Facenda insistíu na mínima porcentaxe de recibos con problemas de recargo (199 de case 18.000 domiciliados), en que desta cantidade moi poucos casos son imputables ó Concello, e na intención do PP “de crear alarma onde non a hai e de magnificar un problema puntual e que afecta a un reducido número de cidadáns”.