A recollida selectiva medrou un 17 % no 2014 en Monforte

Durante o ano 2014 o Concello de Monforte xestionou a recollida e tratamento de 1.009 toneladas métricas (Tm) de residuos reciclables, 146 Tm máis que no ano 2013 (863 Tm), o que supón un incremento do 17 % neste tipo de recollida.

 

Das 1.009 TM recollidas, a maior cantidade depositouse nos colectores situados na cidade e nas parroquias, 795,5 Tm, mentres que no punto limpo xestionáronse un total de 213,5 Tm.

 

Nos colectores a pé de rúa deposítase vidro, envases, papel e cartón, pilas, aceite doméstico, roupa usada, CDs e bombillas.

 

No punto limpo recóllense outro tipo de materiais, na súa maioría máis voluminosos: electrodomésticos, colchóns, plásticos de silo, madeira ou tubos fluorescentes, entre outros.

 

Un servizo que ofrece o Concello de Monforte e que axuda á correcta eliminación de residuos reciclables é a recollida a domicilio de mobles e enseres. No ano 2014 utilizaron este servizo 554 veciños/as, 7 menos dos 561 que o fixeron no ano 2013. Para que pasen a recoller mobles, colchóns  ou electrodomésticos polos nosos fogares, só hai que chamar ó Tlf.- 900 101 390.

 

No 2014 Monforte ampliou o abano de materiais e produtos reciclables. O ano pasado foi o primeiro no que se levou a cabo a recollida selectiva de cristal, xa que ata entón non se atopara un xestor autorizado que se ocupase do  tratamento deste material. Neste primeiro ano de recollida, depositáronse no punto limpo 5,5 Tm de cristal.

 

O Ministerio de Industria creou en febreiro do ano 2005, mediante Real Decreto, o Rexistro de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), coa finalidade de controlar a xestión dos residuos deste tipo. O rexistro está pensado para os produtores destes aparatos, pero ó mesmo poden adherirse os concellos. O concello de Monforte adheriuse ó citado rexistro no ano 2009.

 

O RAEE cualifica os aparatos eléctricos e electrónicos en varios grupos, motivo polo que nesta información figuran por separado as toneladas de electrodomésticos depositadas no punto limpo. Así, os pequenos electrodomésticos están no grupo A2; os televisores no A3; os electrodomésticos de frío (conxeladores e frigoríficos) no A1; e os demais electrodomésticos (lavadoras, secadoras, lavavaixelas…), xunto cos radiadores, no grupo A4.

 

En comparanza co ano 2013, o ano pasado producíronse modificacións en canto ó volume de recollida dos diferentes aparatos e materiais, tanto por incremento como por diminución, segundo os casos. Algunhas destas variacións foron moderadas e non chegaron ó 10 %. Pola contra, outras superaron a porcentaxe do 10 %, casos que especificamos a continuación.

 

Punto limpo:

 

No ano 2014 o punto limpo rexistrou un incremento na recollida dos seguintes materiais: colchóns, 13 %; voluminosos e plásticos, 11%; pequenos electrodomésticos e televisores, 22 %; electrodomésticos de frío, 17 %; tubos fluorescentes, 25 %; tóner, 685 %.

 

Neste mesmo espazo depositáronse outros materiais que rexistraron unha diminución con respecto ás cantidades do ano 2013: chatarra, 13 %; plásticos de silo, 24 %; madeira, 25 %; grandes electrodomésticos, 43 %; inertes, 32 %.

 

Colectores:

 

Nos diferentes colectores instalados nas rúas da cidade e nas parroquias, xunto cos existentes en algúns edificios públicos e establecementos comerciais (colectores de pilas), tamén se rexistraron variacións destacables respecto ó ano 2013.

 

No ano 2014 incrementou a recollida nos seguintes colectores: papel e cartón, 22 %; aceite doméstico, 25 %; bombillas, 59 %.

 

Os contedores que rexistraron unha diminución na recollida durante o 2014 foron: roupa usada, 21 %; pilas, 43 %; Cds, 31 %.

 

Tódolos aparatos e materiais dos que se fala nesta información precisan dunha xestión especializada para a súa eliminación. Son residuos altamente contaminantes que debemos procesar correctamente para evitar a contaminación do medio natural e das persoas que o habitamos.

 

Dende a concellería de Medio Ambiente agradécese a colaboración veciñal no proceso da reciclaxe. Anímase á cidadanía a continuar seleccionando o lixo e a utilizar correctamente os diferentes colectores como unha medida fundamental no camiño de lograr un desenvolvemento sustentable e de potenciar o respecto e coidado do medio natural.

 

A xestión dos residuos xoga un papel fundamental na protección do medio ambiente, sendo un notable indicador do grao de civismo dunha sociedade.

 

No documento adxunto están tódolos datos da recollida selectiva no 2014