A Plataforma da A-76 esixe que Fomento licite os dous primeiros tramos

A Mesa de Seguimento da Plataforma Proautovía A-76 reuniuse na tarde de onte en Monforte para reiterar a petición de que o Ministerio de Fomento  licite no ano en curso os dous primeiros tramos da citada autovía: os de Toral de los Vados - Requejo e A Veiga de Cascallá - O Barco de Valdeorras.

 

O presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Javier Rodríguez Paradelo, comunicou este acordo na rolda de prensa posterior á reunión.

 

De seguido, interviron os tres alcaldes que, xunto cos representantes das asociacións empresariais de Valdeorras, do Bierzo e de Lemos, forman parte desta Mesa. Os rexedores de Ponferrada, O Barco e Monforte, coincidiron no gran interese das tres comarcas en que esta infraestrutura sexa unha realidade o antes posible. “Custounos moito chegar ata aquí e entendemos que non debemos admitir xa máis retrasos”, sinalaba o alcalde de Ponferrada, Samuel Folgueral.

 

Alfredo García, alcalde de O Barco, resaltaba que “a autovía é irrenunciable para as tres comarcas e o acordo que hoxe sae de aquí é pedir que o Ministerio de Fomento cumpra co seu compromiso de licitar este ano eses dous tramos, algo que esperamos que faga porque tamén se comprometeu a aprobar o proxecto e aprobouno”.

 

Nesa mesma liña, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, apuntaba que “seguimos todos coa mesma formulación, non hai ningún motivo para que non se poida iniciar esa licitación, algo que implicaría xa un paso definitivo para comezar a obra o máis pronto posible”.

 

Os tres rexedores manifestaron que non serían entendibles máis retrasos nesta infraestrutura, e que escoitar a algúns afectados por continxencias puntuais non debe ser óbice para que comece o proxecto.

 

Con respecto ás peticións dalgúns colectivos para que se abra de novo o prazo de alegacións da autovía en diversos tramos, os integrantes da Mesa desta Plataforma en favor da A-76 indicaban que “iso é algo que ten qué definir o propio Ministerio de Fomento, que é quen expón o proxecto ó público e quen sabe se iso se fixo correctamente ou non”.

 

Esta reunión celebrouse en base ó acordo adoptado pola Plataforma Proautovía A-76 celebrada o pasado 10 de febreiro en Ponferrada, no sentido de que a Mesa de Seguimento reuniríase periodicamente para vixiar o cumprimento dos prazos desta infraestrutura. A próxima reunión terá lugar nos meses de outubro ou novembro.

  

Archivos Adjuntos: