A concellería de Igualdade, dirixida por Ana Casal, organiza a través do Centro de Información á Muller (CIM), as actividades que se desenvolverán co gallo da conmemoración do 8 de marzo, “Día Internacional da Muller”.
Este ano as actividades prestan unha especial atención ós estereotipos sociais sobre a muller con discapacidade e o seu papel na sociedade.
Estas actividades realizaranse durante todo o mes e abarcan charlas sobre saúde, obradoiros, proxección de audiovisual, coloquios, xornadas formativas, encontro de profesionais fronte a violencia de xénero, ou unha función de monicreques, entre outros actos.
O acto conmemorativo do Día Internacional da Muller realizarase o sábado día 8, ás 12:30 h. na rúa Cardeal, onde a presidenta de ACADAR e coordinadora de AGORA, Mónica Álvarez, dará lectura a un manifesto e repartiranse lazos violetas.
Como cada ano, unha das prioridades da concellería de Igualdade é concienciar á xente máis nova, motivo polo que se desenvolverán obradoiros nos colexios e institutos, actividades que se levan a cabo durante todo o ano e que tamén se realizan nestas datas.
Os actos do Dia Internacional da Muller comezarán este venres na casa da Cultura coa proxección do audiovisual “Lazos de Mulleres” e un coloquio sobre “Muller e Discapacidade” no que participarán representantes de varias asociacións locais e doutras foráneas.
En documento adxunto achégase toda a información sobre as actividades organizadas polo CIM e a concellería de Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller.