Os alcaldes adoptarán medidas ante a suba do canon de Sogama

Diante da negativa da Xunta de Galicia a abrir vías de diálogo sobre o desmesurado incremento da taxa que os concellos pagan a Sogama, varios representantes do movemento municipalista contrario á suba do canon reuníronse  en Chantada.

 

A reunión celebrouse na tarde de onte e á mesma asistiron os alcaldes de Ribadavia, O Barco de Valdeorras, Pedrafita do Cebreiro, Chantada e Monforte, así como o voceiro de Anova no concello de Chantada.

 

Na xuntanza falaron do desenvolvemento das medidas xa planificadas polo movemento municipalista en caso de que as pretendidas negociacións coa Xunta de Galicia non se levasen a cabo ou non desen os resultados desexados.

 

Da reunión celebrada en Chantada xurdiron as seguintes actuacións:

 

1º.- Solicitar á Fegamp que presente un recurso contencioso administrativo contra a suba do canon.

 

2º.- Presentar un recurso contencioso administrativo por parte do conxunto dos concellos galegos contrarios á nova taxa de Sogama e, mentres este non se resolva, pagar o prezo actual do canon e depositar no xulgado o diñeiro correspondente á diferenza entre a taxa actual e o novo canon de Sogama.

 

3º.- Levar a cabo unha concentración de alcaldes e cargos electos contrarios á suba do canon diante do Parlamento de Galicia. Esta concentración tería lugar o día 11 de marzo ás 12:00 do mediodía. Os alcaldes solicitarán ós/ás deputados/as contrarios a este incremento do canon que os acompañen na concentración.

 

4º.- Repetir a concentración en San Caetano, fronte á Xunta de Galicia. A data desta segunda concentración decidirase o día 11 de marzo, durante a celebración da concentración fronte ó Parlamento de Galicia.

 

5º.- Realizar peches rotatorios de grupos de alcaldes, entre oito e dez rexedores, nas dependencias de San Caetano. As datas desta medida de protesta decidiranse durante a concentración de alcaldes e cargos electos en San Caetano.

 

6º.- Comezar a traballar conxuntamente na procura de alternativas a Sogama para a xestión do lixo dos concellos galegos.