Julia Otero destaca o valor e a importancia do proxecto da Fundación Semente de Monforte

Integrantes da Fundación Semente de Monforte, acompañados pola xornalista Julia Otero, presentaron o logotipo e a páxina web da Fundación e deron a coñecer o número de conta onde se poderán depositar as achegas económicas para este proxecto.

 

Informaron que a asociación xa está legalmente constituida e que continúan co  proceso de legalización da futura Fundación. Anunciaron que proximamente estará operativa a páxina web www.sementedemonforte.org, así como perfís en Facebook e Twiter e un correo electrónico: sementedemonforte@sementedemonforte.org

 

Segundo comentaron, estas ferramentas informáticas servirán como punto de información e porta de entrada á Fundación “tanto para a xente que queira participar no proxecto como para as persoas que precisen recibir axuda”.

 

Coa finalidade de que as persoas que o desexen poidan contribuir económicamente coa Fundación, abriron unha conta bancaria na oficina monfortina de Caixa Rural Galega. A conta IBAN: ES89 3070 0034 86 6121881020 xa está operativa para recibir as achegas económicas que queiran realizar persoas premiadas no sorteo da lotaría e calquera cidadán que o desexe.

 

As persoas que integran a Fundación Semente de Lemos iniciarán contactos persoais con afortunados/as no sorteo da lotaría de Reis, e con outras persoas e empresas da cidade, para explicarlles o proxecto e recabar a súa colaboración. A finalidade destes encontros é dar a coñecer os obxectivos que pretenden lograr e transmitir as ideas de rigor e transparencia nas que se basea a Fundación.

 

Tamén comentaron que xa teñen solicitado o nome da Fundación e que traballarán paralelamente ó desenvolvemento do proceso xurídico de constitución da mesma. Consideran que este proxecto debe perdurar no tempo e que deberá existir unha retroalimentación entre a Fundación e as empresas ás que esta poida axudar.

 

A gran protagonista desta segunda rolda de prensa das persoas que integran a Fundación foi a xornalista monfortina Julia Otero, quen expresou o seu orgullo de ser monfortina e a súa alegría pola noticia do premio da lotaría e da posta en marcha da Fundación. Julia Otero dixo que o máis importante é plantar a semente e que a riqueza do premio revirta no pobo. A coñecida xornalista falou da oportunidade que ofrecen as novas tecnoloxías como punto de partida para proxectos empresariais.

 

Outro aspecto que destacou Julia Otero foi a unión de persoas de diferente ideoloxía para poñer en marcha este proxecto e a potencia mediática dunha idea “boa, fácil de vender e que esperta empatía”.

 

Os obxectivos da futura fundación teñen carácter social e laboral ou de apoio a emprendedores/as.

 

No eido social, a fundación terá como cometido investir parte do diñeiro recadado en alimentos e artigos de primeira necesidade para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de becas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos.

 

No eido laboral e de apio a emprendedores, a fundación financiará proxectos empresariais para desenvolver en Monforte. Persoas de todo o Estado poderán presentar  proxectos que serán estudados e valorados por unha comisión integrada por expertos/as monfortinos/as e das universidades galegas, comisión que decidirá que proxectos merecen ser apoiados económicamente.  

 

Ademais do alcalde e das coñecidas monfortinas Mª Emilia Casas e Julia Otero, as persoas que conforman este grupo están relacionadas co mundo da educación, caso de Sara Fernández, Manuel López Eiriz e José Ramón Casanova, da empresa, caso de Cesar Vázquez e Ovidio Pérez Reñones, e da cultura, caso de Pilar López e Ramón Rodríguez.