Un grupo de dez monfortinos e monfortinas, integrado por persoas de diversos ámbitos sociais e empresariais, pretenden crear unha fundación que administre, en beneficio do progreso da cidade, fondos procedentes do premio da lotaría de Reis e de achegas de particulares.
O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, acompañado por oito membros deste grupo, presentou en rolda de prensa a iniciativa de carácter solidario e de fomento empresarial.
Severino Rodríguez explicou que a idea partiu dalgúns agraciados co premio da lotaría, unha iniciativa que naceu cun carácter de axuda social e que, tras varias reunións, foi ampliando o seu campo de acción. O alcalde sinalou que a intención inicial foi a de “pensar en ideas para que o diñeiro do premio da lotaría revertise en Monforte”.
Segundo sinalou o rexedor, o primeiro paso será crear unha asociación para comezar a traballar e avanzar na creación dunha fundación, “xa que constituir unha fundación é un trámite moi complicado que require de tempo”.
Unha vez que a asociación estea legalmente constituida, abrirán unha conta bancaria para recibir as achegas económicas que poidan realizar persoas premiadas no sorteo da lotaría e calquera cidadán que o desexe.
Os obxectivos da futura fundación serán dous, un de carácter social e outro laboral ou de apoio a emprendedores/as.
No eido social, a fundación terá como cometido investir parte do diñeiro recadado en alimentos e artigos de primeira necesidade para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de becas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos.
No eido laboral e de apio a emprendedores, a fundación financiará proxectos empresariais para desenvolver en Monforte. Para isto creará unha páxina web a través da que persoas de todo o Estado poderán presentar proxectos que serán estudados e valorados por unha comisión integrada por expertos/as monfortinos/as e das universidades galegas, comisión que decidirá que proxectos merecen ser apoiados económicamente.
Severino Rodríguez destacou o valor desta iniciativa e dixo descoñecer se algo similar se tiña posto en marcha en pobos ou cidades que foran agraciados con algún premio importante da lotaría. Manifestou estar orgulloso de que houbera cidadáns que tivesen esta idea despois de recibir un premio económico, falou do papel fundamental dos medios de comunicación na difusión deste proxecto e afirmou “seremos escrupulosos e transparentes en todo o que fagamos”.
O alcalde dixo que este era un proxecto de toda a cidade e agradeceu a implicación de dúas monfortinas moi coñecidas, a ex presidenta do Tribunal Constitucional, Mª Emilia Casas, e a xornalista Julia Otero, que non puido asistir á rolda de prensa.
José Ramón Casanova comentou que a asociación que van crear de maneira inminente desaparecerá para dar paso á fundación, ou tamén non caso de que finalmente esta non se logre constituir. Neste caso, o diñeiro recadado destinarase a fins sociais.
Ovidio Pérez Reñones manifestou que chegar a constituir unha fundación dependerá da resposta económica da cidadanía, sinalando que existe incertidume sobre como recibirá a xente esta iniciativa, “como un escarceo duns tolos ou como un proxecto de futuro”, indicou.
Mª Emilia Casas dixo que o núcleo de dez persoas estaba integrado por monfortinos/as agraciados ou non coa lotaría pero “aberto á participación de tódalas persoas que o desexen”.
Ademais do alcalde e das xa mencionadas Mª Emilia Casas e Julia Otero, as persoas que conforman este grupo están relacionadas co mundo da educación, caso de Sara Fernández, Manuel López Eiriz e José Ramón Casanova, da empresa, caso de Cesar Vázquez e Ovidio Pérez Reñones, e da cultura, caso de Pilar López e Ramón Rodríguez.
O nome que barallan para a futura fundación é o de “Fundación Semente de Monforte de Lemos”, procurando un xogo de palabras entre o feito de sementar e a propia mente.