A Xerencia Territorial do Catastro, dependente do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, comunicou ó concello de Monforte que “non procede efectuar a modificación de deslinde solicitada polo concello de Sober” en terreos do polígono industrial de O Reboredo.
A citada Xerencia reafirma a Monforte como titular da totalidade dos terreos do polígono industrial de O Reboredo.
O concello de Sober presentara unha reclamación na que solicitaba a modificación do deslinde existente na base de datos catastral entre os dous concellos na zona do Reboredo. Esta reclamación baseábase en que o deslinde difería do que figuraba no Instituto Geográfico Nacional, no SixPac e no Plan Xeral soberino. Sober reclamou ó Catastro que as empresas situadas na parte do parque empresarial motivo de disputa pasasen a tributar nese Concello.
O concello de Monforte presentou o pasado mes de xullo alegacións a este expediente nas que manifestaba que existía unha acta de fecha 07/09/1934 na que se contemplaba unha liña provisional de deslinde derivada da desconformidade que existía entre os dous municipios e que, polo tanto, o deslinde non se fixou formalmente segundo o procedemento legal establecido. Ó mesmo tempo, Monforte indicaba que non tiña coñecemento da incoación do expediente de deslinde por parte do concello de Sober.
O equipo de goberno sempre defendeu a titularidade e a pertenza ó territorio municipal de Monforte de todo o polígono industrial. Nunca defendeu a pretensión de Sober de apropiarse de parte do polígono industrial de Monforte. Un polígono de hai trinta anos con melloras e servizos financiados polo concello de Monforte, tres décadas nas que nunca o Concello de Sober tiña manifestado a súa pretensión como ata o de agora.
O equipo de goberno manifesta a súa satisfacción pola resposta do Catastro, e o convencemento de ter obrado correctamente ó non ter aceptado a proposta da portavoz do Partido Popular intentando que a cidade de Monforte cedese ás pretensións do Concello de Sober abrindo negociacións.