O alcalde e a concelleira de Promoción Económica presentaron o proxecto de remodelación da feira de Monforte.
Severino Rodríguez dixo que a reforma integral do campo da feira era un compromiso do goberno municipal adquirido nunha sesión plenaria. Tamén comentou que se mantiveran varias reunións cos vendedores e cos pulpeiros que utilizan este espazo antes, durante e despois da elaboración do proxecto, “polo que se pode dicir que éun proxecto acordado con eles”.
O alcalde sinalou que o proxecto persegue tres obxectivos:
-Mellorar as condicións de vendedores e público
-Lograr un espazo funcional
-Contar cun espazo compatible con outros usos
O proxecto desenvolveríase en tres fases, sendo a primeira delas a máis urxente eimportante, segundo comentou o rexedor:
1º.- Acondicionamento das naves con espazos abertos e pechados
2º.- Remodelar e urbanizar a zona de estacionamento e o campo da feira
3º.- Construír un recinto feiral
A concelleira de Promoción Económica dixo que era necesario facer unha reflexión sobre o futuro das feiras, “unha actividade que forma parte da nosa cultura e da nosa maneira de ser”. Mª Xosé Vega comentou que a feira de Monforte non desaparecera “pero perdeu parte da súa puxanza por estar fóra da cidade, en contraposiciónó que sucede habitualmente con este tipo de mercados”.
Vega Buján aludiu ás numerosas ideas que xurdiran nos últimos tempos coa intención de revitalizar a feira, “entre elas a de traela para o centro da cidade, unha idea que non foi aceptada e da cal prescindimos”.
Para a concelleira, o principal problema da feira actual é que “carece de organización e as actividades non están diferenciadas”. Segundo comentou, o obxectivo deste proxecto é “dispor dun espazo cuberto e digno para os pulpeiros, máis grande que o actual e con posibilidades de ser pechado”.
Mª Xosé Vega tamén destacou o importante papel dos estacionamentos para os vehículos “algo decisivo para o éxito da remodelación”, así como as actuacións nos espazos verdes.
Tanto o alcalde como a concelleira falaron do edificio do recinto feiral, do que dixeron que actualmente non era un obxectivo prioritario, pero que non deberíamospechar as portas a que nun futuro sexa unha realidade.
En canto os custos deste proxecto, a primeira fase está valorada en 198.000 euros, mentres que a segunda ascendería a 200.000 euros.
Xunto a esta información poden ver infografías co resultado final do proxecto e escoitar as valoracións do alcalde e da concelleira.