O Concello continuará investindo en medidas de aforro enerxético

O concelleiro de Servizos Municipais compareceu en rolda de prensa para dar conta das diferentes actuacións que se levan a cabo coa finalidade de cumprir cos obxectivos do Plan de Aforro Enerxético que desenvolve a súa delegación.

 

José Luis Rodríguez Rivera destacou que o aforro enerxético foi unha constante deste Goberno dende que accedeu ó concello de Monforte. Segundo comentou, proba disto son os 430.000 euros dos Plans E que se destinaron a medidas de aforro na iluminación pública, á marxe doutras actuacións de menor contía con fondos municipais.

 

O concelleiro subliñou que cos Plans E tamén se fixeron inversións destinadas a aforro enerxético vinculadas ó illamento e á calefacción de edificios municipais (40.000 € na casa do Concello, 100.000 € no sistema de xeotermia da piscina), entre outras.

 

Rodríguez Rivera situou a orixe do actual Plan de Aforro Enerxético na aprobación do Plan de Axuste por parte da Corporación Municipal. Comentou que neste Plan, o Goberno Municipal propuña un aforro de 20.000 € anuais en iluminación, coa finalidade de que o mesmo non resultase traumático para a cidadanía, pero os grupos da oposición elevaron esta cifra ata os 60.000 € anuais, “o que nos obrigou a adoptar medidas moito máis drásticas das previstas inicialmente”, sinalou.

 

Unha vez feitas estas aclaracións, o concelleiro de Servizos Municipais explicou as dimensións que alcanzan as actuacións do Plan de Aforro Enerxético: a superficie do Concello, os núcleos de poboación, os puntos de luz existentes, o número de subministracións, etc... Tamén falou do consumo e do aforro conseguido nos nove primeiros meses do ano, así como das diferentes medidas adoptadas na cidade e nas parroquias para logralo.  

 

Segundo comentou, en todo o termo municipal tomáronse diversas medidas de aforro enerxético consistentes en: substitución de lámpadas por outras de menor consumo,  actuacións sobre a potencia reactiva, renovación de cadros de mando, substitución de fotocélulas por reloxos astronómicos, e axuste de tarifas.

 

TODAS ESTAS MEDIDAS PODEN CONSULTALAS CON DETALLE NO DOCUMENTO QUE SE ADXUNTA A ESTA INFORMACIÓN.

 

Rodríguez Rivera tamén anunciou diversas inversións que se levarán a cabo proximaente para continuar aforrando no consumo de enerxía eléctrica: investiranse 4.000 € para a compra de interruptores diferenciais rearmables tanto monofásicos como trifásicos; 2.000 € para a instalación de 10 reloxos astronómicos; 3.000 € na compra de 160 equipos de vapor de sodio de baixa potencia.

 

O concelleiro tamén comentou que se está estudando a renovación do cableado soterrado do cadro eléctrico que subministra enerxía ás rúas Juan Montes e Ferrocarril. Esta obra tería un custo estimado duns 8.000 €.

 

Por último, Rodríguez Rivera dixo que “non é certo que para lograr o aforro enerxético só se adoptase a medida de apagar farois, tal e como critican dende a oposición municipal”, engadindo que “á marxe desta medida, o Concello puxo en práctica outras de variada índole que representaron unha inversión superior a 15.500 €”. Ademais disto, o concelleiro de Servizos Municipais afirmou que se van investir proximamente 9.000 € en actuacións de aforro enerxético.

 

Rodríguez Rivera dixo que “o apagado de puntos de luz é unha solución provisional. Centramos os esforzos na paulatina redución da potencia das lámpadas onde houbera un maior consumo.  No momento en que, debido a estas actuacións, a redución de enerxía consumida se achegue ós obxectivos marcados (30%), procederase a rearmar progresivamente  o servizo dos puntos de luz afectados polo apagado”.