Representantes dos concellos de Verín, O Barco de Valdeorras e Monforte, reuníronse hoxe venres no Centro do Viño, cos presidentes dos Consellos Reguladores e adegueiros das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra .
A esta xuntanza, promovida polo Eixo Atlántico, asistiu Mª José Sevilla, responsable da “Feria del Vino Español en Londres” e membro da Oficina Comercial Española no Reino Unido, así como o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao.
O obxectivo da reunión era explorar as posibilidades de exportación dos viños destas denominacións de orixe cara ó Reino Unido e informar acerca do mercado británico, contando para isto cos impagables coñecementos que posúe Mª José Sevilla.
Mª José Sevilla, da oficina comercial española en Londres, Xoan Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, Alfredo García Rodríguez, alcalde de O Barco de Valdeorras, e Mª Xosé Vega, concelleira de Promoción Económica e tenente de alcalde do concello de Monforte, compareceron en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na reunión.
A concelleira monfortina dixo que se tratara dunha reunión para aprender, para saber cal é a situación do mundo do viño no mercado británico e cales son as oportunidades que poden ter os nosos viños nese mercado.
Mª Xosé Vega agradeceu a iniciativa do Eixo Atlántico e o xesto de celebrar a reunión en Monforte, ó tempo que destacou o acerto de contar con Mª José Sevilla e os seus amplos coñecementos.
Xoan Vázquez Mao dixo que a reunión debíase a unha iniciativa do Eixo Atlántico a través do Eixo Interior, a agrupación que conforman os concellos de O Barco, Sarria e Monforte. Tamén destacou que esta asociación funciona e que comezan a verse os resultados do seu traballo.
O secretario xeral falou da existencia dun proxecto financiado pola Unión Europea para poñer en valor os territorios e a fortaleza dos seus produtos agrarios. Vázquez Mao subliñou que o obxectivo común de todo o Estado é crear emprego, algo que se logra xerando actividade económica, para o cal hai que ter un bo produto e saber véndelo.
O máximo responsable do Eixo Atlántico comentou que ter invitado a Mª José Sevilla, máxima responsable dos asuntos vinícolas da oficina comercial española en Londres, respondía ó feito de que é unha experta coñecedora do mundo do viño e do mercado británico.
Mª José Sevilla destacou a excepcional produción de viños en España e as características especiais de Galicia, tanto pola diversidade dos seus caldos como pola capacidade como produtora de brancos de altísima calidade.
Mª José Sevilla comentou que son as mulleres británicas as que mercan viños brancos, sinalando que os seus gustos encaixan coas variedades galegas. Tamén destacou os tintos galegos, dos que dixo que eran “diferentes e moi interesantes, o que os converte en moi atractivos para este mercado”.
Esta experta coñecedora do mercado británico referiuse á reunión celebrada en Monforte como “o inicio dun traballo conxunto dirixido a facer un proxecto a curto prazo pero con larga vida”. Comentou que analizaran a posibilidade de entrar no mercado británico, “un mercado con moito espazo para o viño español” pero tamén noutros mercados, para o cal “hai que facer un gran esforzo para conseguir o éxito”.
O alcalde de O Barco de Valdeorras dixo que hoxe era “o primeiro día dun largo camiño que deben iniciar as adegas e os consellos reguladores en colaboración coa oficina comercial en Londres. Logo teremos que incorporarnos os concellos e o Eixo Atlántico e, agardamos que tamén o fagan a Xunta e as deputacións”.