O Concello colaborará coa iluminación de Nadal igual que o ano pasado

O concello de Monforte manterá este ano a mesma liña de colaboración que no 2012 para o financiamento da iluminación de Nadal na zona comercial da cidade.

 

O Concello iluminará os edificios públicos, algunhas prazas públicas, e a Torre da Homenaxe, ó tempo que instalará unha árbore de Nadal na zona da Compañía e asumirá o gasto de enerxía eléctrica que ocasione a iluminación colocada polos comerciantes nas rúas da cidade.

 

A colaboración do Concello coa asociación do comercio local acolleu diversas fórmulas nos últimos anos. En 2005 e no 2006 asinouse un convenio bianual para a animación da zona comercial por valor de 30.000 euros (15.000 € cada ano). Nos anos 2007, 2008 e 2009 non se asinou ningún convenio deste tipo e non existiu achega económica ningunha por parte do Concello. Nos anos 2010 e 2011 volveuse asinar un convenio bianual para a animación da zona comercial cunha contía de 10.055 €, 6.055 para o 2010 e 4.000 para o 2011. En todos estes anos o Concello sufragou o custo da enerxía eléctrica consumida pola iluminación navideña instalada polos comerciantes.

 

No ano 2012 e diante da grave situación de crise económica e dos fondos limitados cos que contan as entidades locais, o Concello optou pola fórmula que se mantén este ano: pagar o custo da enerxía consumida pola iluminación de Nadal do comercio local e iluminar a cidade.

 

O Concello debe priorizar os gastos e ter moi claros os seus obxectivos, xa que as achegas que reciben doutras administracións, sobre todo a estatal e a autonómica, víronse sensiblemente reducidas.

 

Con todo, o Concello manten co CCU a mesma colaboración que no 2012 para a iluminación de Nadal e, ó largo deste ano, atendeu tódalas peticións que lle fixo a asociación de comerciantes para a promoción de actividades.

 

Dende o Goberno Municipal non podemos máis que sorprendernos diante das persistentes críticas por manter co CCU o mesmo nivel de colaboración que o ano pasado, mentres que non existe ningún reproche á Xunta de Galicia por ter reducido nun 70 % a subvención anual para o Centro Comercial Urbano de Monforte.