Variedade de actos para conmemorar o día 25 de novembro

A concelleira de Igualdade, Ana Casal, presenta o programa de actos deseñado pola súa delegación co obxecto de conmemorar o “Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero”, data que se celebra o 25 de novembro.

 

A programación e organización destas actividades corre a cargo do Centro de Información á Muller (CIM), un departamento que,  para a poboación en xeral, faise máis visible en datas sinaladas como a do día 25 de novembro pero que desenvolve un intenso traballo con moitas mulleres ó longo de todo o ano.

 

A concelleira lembra que o CIM é un lugar de acollida onde traballa persoal especializado que presta atención xurídica e psicolóxica a tódalas mulleres que o soliciten.

 

Os actos programados para celebrar o 25 de novembro seguen a mesma liña de anos anteriores e teñen como obxectivo chegar a tódolos sectores da poboación, con incidencia especial na xente máis nova.

 

O símbolo da conmemoración desta data volverá ser a colocación dun gran lazo branco na Torre da Homenaxe, un símbolo que se reforzará coa celebración de obradoiros nos centros de ensino, cunha exposición de ilustracións de diversos debuxantes, a instalación dunha mesa de recollida de sinaturas, un recital poético musical contra a violencia de xénero, un encontro de profesionais do ámbito de intervención na violencia de xénero, e o acto conmemorativo que terá lugar o propio 25 de novembro ás doce do mediodía na rúa Cardeal.  

 

Ana Casal invita a toda a cidadanía a participar nas actividades, especialmente as programadas para o propio día 25 de novembro, e agradece a colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo para facer posible este programa de actos.

 

O programa de actos organizados durante todo este mes para conmemorar a data do 25 de novembro poden consultalo no documento adxunto a esta información, onde figuran os días, horarios e contidos das diferentes actividades.