O Concello informa sobre unha sentenza consecuencia dunha demanda interposta a petición dos grupos da oposición

A sentenza, que lle da a razón á empresa concesionaria, non supón ningún custo económico para as arcas municipais

 

A voceira e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega Buján, informou dunha sentenza recibida polo Concello de Monforte en relación coa recollida de lixo e a implantación do sistema de cubeo na cidade, por parte da empresa concesionaria do servizo FCC.

 

Vega Buján informou aos medios de comunicación sobre esta resolución xudicial, e quixo destacar a transparencia coa que o Concello da conta á cidadanía das sentenzas recibidas pola administración local, sexan positivas ou negativas.

 

Esta reclamación, lembrou a voceira municipal, foi consecuencia dunha moción presentada polo PSdeG, que esixía ao Concello que reclamase a FCC por un exceso na facturación no servizo de cubeo que durante os primeiros meses do contrato non se realizara. O PP presentou tamén unha enmenda no mesmo sentido, que se aprobou no Pleno cos votos exclusivos dos grupos da oposición.

 

Este acordo plenario, que non contou co apoio do equipo de goberno, rematou nunha reclamación económica que a concesionaria non admitiu, e deu pé a unha demanda ante o contencioso administrativo por parte da empresa.

 

Para Vega Buján, esta sentenza coñecida hoxe e que lle da a razón a FCC,  “indica que o Concello non ten dereito a reclamarlle nada a esta empresa porque non se incumpriron acordos do contrato como suxerían os grupos da oposición”. Segundo o tribunal, a implantación do cubeo non era de xeito automático, senon como decían os pregos e o cronograma que a propia empresa aportou ao servizo de medioambiente.

 

A voceira municipal, indicou ademais que este feito “evidencia o control que o goberno local fai das concesionarias. Incluso reclamamos ás concesionarias cando os grupos da oposición nos piden que reclamemos, e ás veces se ten a razón e outras non”. Tamén ven a confirmar que as decisións plenarias maioritarias, son sempre cumpridas polo goberno local, aínda que non sempre esté de acordo con elas.

 

O goberno local está a estudar a posibilidade de recurrir esta sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. É importante ter en conta que esta sentenza non supón ningún custo para as arcas municipais.