Obradoiros e conta contos na Biblioteca Municipal

A concellería de Educación e Cultura, dirixida por Pilar López, organiza na Biblioteca Municipal unha serie de actividades destinadas ós rapaces e rapazas.

 

Baixo o epígrafe “Déixame que che conte”, e entre os meses de outubro e abril, desenvolveranse obradoiros variados e conta contos para nenos e nenas.

 

A primeira destas actividades realizarase o xoves día 24 de outubro, Día das Bibliotecas, ás 18:00 h., xornada na que actuará un conta contos.

 

Tamén no mes de outubro e ás 11:30 h., coincidindo coa celebración do Samaín, haberá conta contos e un obradoiro de decoración de cabazas.

 

Nos meses seguintes volverán realizarse actividades relacionadas coas celebracións tradicionais ou as festas locais de cada época do ano. O luns 23 de decembro poderán asistir a actuación dun conta contos e un obradoiro de Nadal; o día 3 de febreiro o protagonista será o Entroido, tamén cun conta contos e un obradoiro de caracterización; o día 15 de abril “Día do neno e a nena” será tempo para un obradoiro Medieval, dada a proximidade da Feira Medieval de Monforte.

 

As actividades rematarán o día 23 de abril, “Día do Libro”, data na que os pequenos e pequenas poderán asistir a unha sesión titulada “Contos e Lendas dun Trasno”.

 

Desde a delegación de Educación e Cultura xa se facilitou información sobre estas actividades ós centros educativos. Os rapaces e rapazas que desexen participar só teñen que achegarse pola Biblioteca Municipal un pouco antes do horario sinalado para o comezo de cada actividade.

 

As actividades están organizadas polo concello de Monforte e contan co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Imaxinatia, unha empresa monfortina de recente creación, será a encargada de dirixilas.

 

Tódalas actividades levaranse a cabo na Biblioteca Municipal, ás seis da tarde os días lectivos e ás once e media da mañá os días nos que os rapaces e rapazas están de vacacións ou teñen festa.