Reciclaxe de ordenadores con destino a familias con dificultades económicas

A concellería de Benestar Social do Concello de Monforte de Lemos, en colaboración co IES Pinguela, levarán a cabo un proxecto de recollida, reciclaxe e doazón de equipos informáticos ás familias con fillos e fillas con dificultades económicas da localidade.

 

A iniciativa xorde do Departamento de Informática do IES A Pinguela e consistirá en facer unha campaña cidadá de recollida de equipos informáticos en desuso co fin de reparalos e finalmente doalos.

 

Este proxecto será levado a cabo por un grupo do alumnos e alumnas de 1º de BAC da materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, quen, baixo a supervisión do seu profesor na materia, encargaranse de almacenar, etiquetar e finalmente  reparar ou ben aproveitar as pezas que poidan ser de interese para outro equipo.

 

O concello de Monforte de Lemos valora moi positivamente esta iniciativa, xa que ó mesmo tempo que o alumnado adquire os coñecementos propios da materia, foméntase a solidariedade na comunidade escolar, a reciclaxe dos equipos informáticos, e cumpre co fin último do proxecto que é facilitar o acceso á tecnoloxía a aquelas familias con recursos económicos máis baixos.

 

O proxecto desenvolverase durante o curso académico 2013/2014, facéndose entrega dos equipos en desuso directamente no Centro da Pinguela, onde se encargarán de realizar a reciclaxe, reparación e posteriormente doazón dos mesmos. O concello comprométese a colaborar, coordinar e divulgar o proxecto así como valorar a situación  daquelas persoas susceptibles de ser beneficiarias do mesmo.

 

 O proxecto desenvolverase principalmente en tres fases:

 

  • Primeira fase: Recollida dos equipos, separación,  clasificación e discriminación do material que non se poida usar, procedendo a depositalo no Punto Limpo.
  • Segunda fase: Reciclaxe / Reparación
  • Terceira fase: Doazón

 

Así mesmo, o IES A Pinguela, ademais de poñer en marcha a iniciativa, tamén creará e xestionará un blog no que se reflectirá o traballo realizado día a día durante o tempo de execución do proxecto e ó que toda a cidadanía poderá ter acceso.