O corte de auga que afectará ó casco urbano realizarase na noite do día 25 de setembro

O alcalde compareceu hoxe en rolda de prensa para comunicar que o corte de auga que afectará a todo o casco urbano, motivado polas obras de mellora nos depósitos de San Vicente, realizarase entre as 22:00 h. do mércores día 25 e as 9:00 h. do xoves día 26 de setembro.

 

Severino Rodríguez cualificou estas obras como “importantes, necesarias e imprescindibles para mellorar a rede de abastecemento”, sinalando que as actuacións lévaas a cabo a mesma empresa contratada por ACUAES (Aguas de las Cuencas de España S.A.) para construír a nova potabilizadora, “xa que a intervención nos depósitos está incluída no proxecto da potabilizadora baixo o epígrafe –Mejoras en las cámaras de válvulas en los depósitos de San Vicente del Pino y Piñeira-“, indicou o alcalde.

 

O rexedor monfortino tamén se referiu ás suxestións efectuadas sobre a posibilidade de fraccionar esta actuación evitando así a ausencia de auga durante tantas horas seguidas. Severino Rodríguez volveu botar man do informe dos técnicos de ACUAES onde se di “Resulta imposible hacer esta obra sin corte del suministro de agua y no se puede dividir esta actuación en varias fases”.

 

Segundo comentou o alcalde, a empresa responsable das obras comunicoulle a necesidade de levar a cabo as coñecidas interrupcións no subministro de auga, información que trasladou á cidadanía. Severino Rodríguez comentou que tiña recibido a solicitude de diversos sectores, especialmente a hostalería, para que negociase coa empresa outra maneira de realizar este corte de auga dados os prexuízos económicos que causaría. O alcalde comunicoulle ó director da empresa estas preocupacións e obtivo unha resposta positiva “a empresa vai realizar un esforzo económico e de loxística para levar a cabo as obras en horario nocturno”.

 

Severino Rodríguez volveu reunirse co sector da hostalería, acordando entre todos que a interrupción no subministro de auga se realice entre as dez da noite do día 25 e ata as nove da mañá do día 26 de setembro.

 

Finalmente, o alcalde tivo palabras de agradecemento para a empresa, o director da obra e os técnicos de ACUAES, dos que dixo “sempre fixeron o posible para facer as cousas ben e sen ocasionar problemas”. Severino Rodríguez tamén quixo destacar o asesoramento e colaboración dos técnicos de ACUAES dende que comezou a fraguarse esta gran obra “un apoio incondicional para que este proxecto poida ser unha realidade”.