O Concello valorou as solicitudes de becas para libros e material escolar

A concellería de Benestar Social, dirixida por Pilar López, informa que a partir do vindeiro luns día 2 de setembro comezarán a entregarse os vales para a adquisición de material escolar para o curso 2013/2014, a aquelas persoas cuxas solicitudes foron aprobadas.

 

As listas dos/das beneficiarios/as están expostas nos taboleiros de anuncios do Concello e dos Servizos Sociais Municipais.

 

Os vales serán entregados nas oficinas dos Servizos Sociais, no edificio da Praza de Abastos, 1º piso, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, previa presentación do anexo selado polo colexio.

 

Estes vales poderán ser cambiados por material escolar, na libraría da súa preferencia, ata o día 30 de setembro.

 

O Concello recibiu un total de 108 solicitudes, das que se admitiron 79 e se denegaron 29 peticións. Os motivos polos que se denegaron estas solicitudes foron básicamente tres: non cumprir os requisitos sinalados nas bases da convocatoria (superar os ingresos máximos permitidos), non estar ó corrente das obrigas tributarias coa entidade municipal, e non presentar a documentación requirida.

 

A concesión destas axudas, para as que se tiña disposto un orzamento de 10.000 €, alcanzará a contía de 9.687 euros.

 

Estas becas diríxíronse ó alumnado empadroado e escolarizado nos centros educativos de Monforte nalgún dos cursos obxecto da convocatoria:

 

Infantil (3, 4 e 5 anos).

Educación Primaria

Educación Secundaria Obrigatoria

 

As axudas están orientadas ás familias con menor renda per cápita do municipio e son compatibles con calquera outra que perciban coa mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo dos materiais subvencionados.

 

Condición básica para acceder a estas axudas era que a renda per cápita da unidade familiar non excedese a metade da cantidade establecida polo IPREM para o ano 2013 (266,26 €/mes) en cómputo anual.

 

As axudas teñen carácter único e non acumulativo, de tal maneira que só se concede unha axuda no mesmo ano para o mesmo concepto.

 

O importe máximo de cada unha das axudas é de:

 

  • 100 € para Educación Infantil por cada alumno/a.
  • 120 € para Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria por cada alumno/a.

 

 

  

Archivos Adjuntos: