O alcalde transmítelle a Fenosa a súa indignación polo peche da oficina monfortina

O alcalde de Monforte remitiu unha carta ó delegado general en Galicia de Gas Natural Fenosa solicitándolle a inmediata apertura dunha oficina de atención ó público na nosa cidade.   

 

No citado escrito, Severino Rodríguez transmítelle ó máximo responsable en Galicia da citada compañía eléctrica “a miña preocupación e indignación polo peche, sen previo aviso, da oficina de atención ó público que Gas Natural Fenosa tiña na cidade de Monforte”.

 

O alcalde lembra nesta misiva que desde que Fenosa se instalou en Monforte sempre tivo aberta unha oficina de atención ós seus clientes, onde a cidadanía podía contratar os servizos que ofrece, presentar reclamacións ou realizar cambios de titularidade.

 

O rexedor monfortino tamén alude á ampla zona para a que prestaba servizo a oficina instalada en Monforte, destacando a distancia das oficinas ás que agora habería que acudir para realizar calquera xestión relacionada co servizo de electricidade.

 

Finalmente o alcalde de Monforte, facéndose eco do malestar existente entre a cidadanía, solicítalle o delegado general en Galicia de Gas Natural Fenosa que “inicie as xestións oportunas para que Monforte, a segunda cidade da provincia de Lugo, dispoña no menor espazo de tempo posible dunha oficina de atención ao público de Gas Natural Fenosa”.

 

Ademais desta iniciativa, o Goberno Municipal presentará unha proposta sobre esta cuestión que será debatida na próxima sesión plenaria.

 

  

Archivos Adjuntos: