O Concello pretende baixar o IBI para o 2014, sempre que Rajoy o permita

A concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega, compareceu en rolda de prensa para falar da comunicación informativa que se está enviando ós veciños e veciñas de Monforte sobre a suba do Imposto de bens Inmobles (IBI).

 

Nesa carta indícase que os recibos do IBI do 2013, igual que sucedeu  no 2012, repercuten unha suba moi importante, do 42,86%, suba que vén imposta por unha decisión do Goberno do Estado.

 

A intención do Goberno Municipal é explicar á veciñanza que este aumento non foi consultado nin negociado co Concello, institución que se veu  obrigada  a aplicar  unha  decisión  unilateral do  Goberno  do Estado.

 

Na misiva sinálase que o Goberno de España, presidido por D. Mariano Rajoy Brey, aprobou o día 30 de decembro  de 2011 o Real Decreto-Leí 20/2011, sobre "medidas urgentes en materia presupuestaria, tributaria y financiera para la corrección  del déficit público". No artigo 8 do citado Real Decreto-Ley, sobre tipos de gravame do imposto  sobre bens inmobles, establécese un tipo  de gravame mínimo  de 0,50 para 2012 e de 0,60 para 2013.

 

A carta do Goberno Municipal tamén explica que ningún  grupo político da Corporación  de Monforte tivo nada que ver directamente na suba do IBI, aínda que sexa o Concello quen cobra o recibo.

 

Finalmente, na comunicación infórmase que a Alcaldía aceptou  unha  proposta  que  fixo  o  Partido Socialista e acordou reducir o IBI do vindeiro ano 2014, baixando do 0,60 ata o 0,55, matizando que esta redución levarase a cabo “sempre que as directrices do Goberno Central permitan facer efectiva esta baixa do Imposto de Bens lnmobles”.

 

Vega Buján dixo que a cidadanía notara o incremento do IBI “de case o 43% en dous anos”, motivo polo que o Concello, co acordo plenario de tódolos grupos da Corporación, decidira adiantar o cobro deste imposto “coa intención de fraccionar o pago e aliviar na medida do posible o desembolso que representa para as familias”. A concelleira de Facenda sinalou que “o fraccionamento dos pagos debe facerse na mesma anualidade, véndonos obrigados a adiantar o cobro do IBI para poder cumprir con este precepto”.

 

Mª Xosé Vega acusou ó PP de utilizar o enfado da xente por este incremento no IBI “culpando ó Goberno Municipal e incluso ó PSOE da subida cando o único responsable da mesma foi o Sr. Rajóy”. Para Vega Buján “desde o entorno do PP fomentouse un discurso para culpabilizar ó alcalde e ó Sr. Tomé desta subida, discurso que culminou nas diferentes pintadas”.

 

A concelleira de Facenda dixo que o envío destas cartas informativas deriva dunha petición do PSOE ó alcalde para que explicase á cidadanía as verdadeiras causas da subida do IBI.

 

Vega Buján tamén falou do interese de Julia Rodríguez, unha vez que tivo que admitir a autoría do Goberno do PP nas subas do 2012 e do 2013, en imputar ó Goberno Municipal a responsabilidade nas posibles subidas do IBI a partir do ano 2013. A concelleira de Facenda dixo que no futuro “temos interese en baixar este tipo impositivo ó 0,55, pero atopámonos con que o 28 de xuño deste ano o Consello de Ministros aprobou un proxecto de lei polo que deben manterse os tipos impositivos actuáis durante os anos 2014 e 2015, co cal nos veríamos obrigados a manter o 0,60 actual”. Segundo comentou, a vontade do PP aprobarase no Parlamento, onde ten maioría absoluta, motivo polo que “estaremos obrigados a manter o mesmo tipo impositivo ou a revalorizar o valor dos inmobles”, algo que segundo a concelleira de Facenda “influe no IRPF, nas transmisións e nas herencias”.

 

Finalmente, Mª Xosé Vega destacou que o tipo impositivo do IBI en Monforte era moi baixo (do 0,42) antes da subida obrigatoria imposta por Rajoy, “mentres que concellos veciños gobernados polo PP xa tiñan tipos do 0,60”

  

Archivos Adjuntos: