O alcalde, Severino Rodríguez, a concelleira de Cultura, Pilar López, Antonio Fernández Maira, representante da Federación de Librarías de Galicia, e a libreira monfortina, Ada Agrasar, presentaron a XVI Feira do Libro de Monforte de Lemos que se desenvolverá do 21 ó 24 de agosto na zona peonil da rúa do Cardeal.
Durante a Feira haberá un 10% de desconto no prezo dos libros, sendo os horarios das casetas dos libreiros de 11:00 a 14.00 h. polas mañás e de 18:00 a 22 h. polas tardes. A Feira abrirá o día 21 ás seis da tarde e a inauguración oficial terá lugar ás oito do serán.
Severino Rodríguez agradeceu o traballo de todos os que fan posible a Feira e dixo que “se trata dunha actividade cultural pero tamén festiva” á que cualificou como “imprescindible, entrañable e moi importante”.
O alcalde sinalou que “contamos un ano máis con esta actividade grazas ó esforzo do Concello, á boa vontade da Federación de Librarías, e á colaboración fundamental da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo”.
Severino Rodríguez destacou que “a Feira é ben acollida pola cidadanía de Monforte” e salientou que “os libros axudan a pensar o mundo máis alá do inmediato e outorgan perspectiva para xerar ilusión e esperanza”.
Antonio Fernández Maira destacou o esforzo realizado polo Concello para manter esta cita e agradeceu o apoio e as facilidades dadas pola entidade municipal. O representante da Federación de Librarías dixo que este ano aumentaran o número de feiras do libro a pesares de contar cun orzamento menor que o do ano pasado”.
Fernández Maira comentou que a programación da Feirra do Libro de Monforte xirará arredor dos escritores locais “contando con presentación de libros por parte dos propios autores e outras actividades vencelladas ó libro”. Como novidade deste ano, a Feira porá a disposición dos máis pequenos unha Biblioteca Infantil onde poderán ler múltiples libros e contos.
A Feira, na presente edición, está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos e conta coa colaboración da Deputación de Lugo –Vicepresidencia Primeira, e a Xunta de Galicia.
En documento adxunto figura o programa completo de actividades da XVI Feira do Libro.