Seis concertos amenizarán as prazas de Monforte no mes de agosto

A concelleira de Cultura, Pilar López, presentou a actividade musical de verán “Concertos de Música Moderna nas Prazas”, nun acto no que estivo acompañada por Fernado Sanmartino, director do Conservatorio Municipal, e Alfonso Muñoz, de Fábrica de Sons.

 

Trátase dunha actividade que comprende seis concertos de diversos estilos musicais, que se desenvolverán durante o mes de agosto en diferentes prazas da cidade: Campo de San Antonio, Dr. Goyanes, Praza de España, Os Chaos, A Estación e Carude. Tódalas actuacións terán lugar ás 21:00 h.

 

Ska, reggae, soul, funk, rock, pop, blues, bossa ou góspel, son algúns dos estilos musicais cos que nos deleitarán os seguintes grupos:

 

Sábado 17. Colectivo Bomba.

Xoves 22. Two in the Mirror.

Venres 23. La Panaback.

Sábado 24. Jotinho´s.

Xoves 29. Spiritual Dúo.

Venres 30. Kiki Cortiñas Alma & Soul.

 

Pilar López agradeceu o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, institución que achega os 7.000 € necesarios para costear esta actividade e o “Obradoiro de Música e Baile”, que tamén se leva a cabo na segunda quincena de agosto e para o que xa se inscribiron máis de trinta persoas. A concelleira lembrou que o prazo para anotarse nos diferentes talleres do Obradoiro estará aberto ata o día 14 de agosto.

 

Alfonso Muñóz falou da variedade de estilos musicais modernos que recolle esta proposta de concertos, a cal cualificou como “moi interesante”. O integrante de Fábrica de Sons, empresa responsable da organización destas atuacións, fixo un repaso pola traxectoria musical dos diferentes grupos, destacando a proxección internacional de Kiki Cortiñas Alma & Soul, formación integrada por excelentes músicos que teñen actuado con destacados artistas a nivel mundial.

 

Xunto con estes concertos e dentro da variada oferta do “Obradoiro Musical de Verán”, desenvolverase un “Taller de Improvisación”, durante os días 21,22, 23, 28, 29 e 30 de agosto en horario de 10:00 a 13:00 h. no Edificio Multiusos. O prestixioso músico e profesor Iván Reija será a peza fundamental deste obradoiro de armonía e improvisación, adaptando as ensinanzas ó nivel do alumnado que participe no mesmo.

 

O venres día 30, pecharase este obradoiro cunha “master class” a cargo de Telmo Fernández.

 

O director do Conservatorio Municipal “Mestre Ibañez” comentou que a intención deste obradoiro é crear unha base de improvisación “dirixida a tódolos estilos musicais e ós diferentes niveis de formación que poidan posuir os/as asistentes”. Fernando Sanmartino botou en falta a capacidade de improvisación entre o alumnado do conservatorio e considerou que este obradoiro “pode ser o punto de partida para continuar avanzando neste aspecto en anos sucesivos”.

 

En documento adxunto figura un dossier sobre os diferentes grupos que participarán nestes concertos.