A concellería de Benestar Social destina 10.000 euros a becas para a adquisición de libros de texto e material escolar durante o ano lectivo 2013/2014.
Estas becas diríxense ó alumnado empadroado e escolarizado nos centros educativos de Monforte nalgún dos cursos obxecto da convocatoria:
Infantil (3, 4 e 5 anos).
Educación Primaria
Educación Secundaria Obrigatoria
As axudas oriéntanse ás familias con menor renda per cápita do municipio e serán compatibles con calquera outra que perciban coa mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo dos materiais subvencionados.
Condición básica para acceder a estas axudas é que a renda per cápita da unidade familiar non exceda a metade da cantidade establecida polo IPREM para o ano 2013 (266,26 €/mes) en cómputo anual.
As axudas terán carácter único e non acumulativo, de tal maneira que só poderá concederse unha axuda no mesmo ano para o mesmo concepto.
O importe de cada unha das axudas será como máximo de:
100,00 € para Educación Infantil por cada alumno.
120,00 € para Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria por cada alumno.
O impreso de solicitude destas axudas pódese descargar na web municipal ou recoller nas Oficinas dos Servizos Sociais Municipais, no Edificio da Praza de Abastos Rúa Ricardo Quiroga, s/n, e no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n.
A solicitude destas becas poderá realizarse a partir do día 3 de xullo, o seguinte a que as bases das mesmas saíran publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
En documentos que se xuntan a esta información figuran as citadas bases e o modelo de solicitude, onde se especifican os criterios de valoración e a documentación que debe achegarse para acceder ás axudas, entre outras cuestións.
Ademais destas becas, a concellería que dirixe Pilar López puxo en marcha un PROGRAMA DE PRÉSTAMO DE LIBROS DE TEXTO. Un proxecto pensado para favorecer a reutilización dos libros de texto de primaria nos CEIP A GÁNDARA e MONFORTE. Un programa voluntario e de carácter solidario que precisa da colaboración dos centros e, sobre todo, das familias, para poder ser unha realidade.
A primeira fase deste programa estase desenvolvendo dende o 25 de xuño e ata o 5 de xullo, e consite na entrega de libros de texto en bo estado no centro educativo no que curse estudos o seu fillo/a.
A segunda fase levarase a cabo entre o 8 e o 19 de xullo, tempo no que as persoas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán presentar nos colexios a solicitude para a obtención e uso dos libros de texto dispoñibles.
Tódolos trámites fanse no propio colexio en horario de 10:00 a 13:00 horas.