As solucións á crise que afrontan os concellos debateranse nunha reunión en Monforte

O alcalde, Severino Rodríguez, anunciou esta mañá que o próximo día 15 de xuño celebrarase unha reunión, na Casa da Cultura de Monforte, para falar da situación que atravesan os pequenos concellos e para procurar medidas que solucionen a súa problemática.

 

A esta reunión están convidados tódolos alcaldes e membros dos diferentes grupos municipais dos concellos lugueses, agás o concello da capital, xa que supera os 20.000 habitantes.

 

A reunión pretende ser un foro de análise no cal se faga un enunciado dos problemas existentes e se propoñan solucións para levar a cabo de maneira conxunta. Durante a súa intervención, o alcalde sinalou que a situación de empobrecemento que afrontan os concellos de menos de 20.000 habitantes “pode chegar a ser alarmante e irreversible se non actuamos pronto”.

 

Severino Rodríguez dixo que os principais problemas responden a unha perda de servizos e á centralización dos mesmos na capital da provincia, como se pode comprobar nos casos dos xulgados, o hospital comarcal ou as oficinas de facenda. Este feito, a súa vez, propicia unha diminución da actividade económica que desemboca nunha perda de poboación. Por iso afirmou, “estamos desandando o camiño que tanto traballo nos custou”, e engadiu “o sorprendente é que se están tomando decisións sen contar con nos, os concellos”.

 

Tras isto, comentou que actualmente existe unha situación de consenso no referente a que os concellos son a administración máis próxima á cidadanía e que se deben manter os servizos públicos que prestan, e por iso dixo “os representantes públicos estamos obrigados a defender os nosos concellos e contamos co aval da cidadanía”.

 

O alcalde subliñou que a reunión pretende ser “un punto de encontro que nos sirva a todos”, que a intención é separar “os feitos das valoracións”, de tal xeito que ningunha administración se vexa cuestionada porque o obxectivo fundamental, apuntou Severino Rodríguez, “é buscar solucións baseadas na colaboración e dar cabida a todas as ideas”.

 

O plantexamento é defender ós concellos da provincia; se eles van mal a capital da provincia irá mal”, sentenciou o alcalde.