Os premios "Irmandade do Libro" entregaranse en Monforte o sábado día 20 de abril

A concelleira de Cultura, Pilar López, e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, presentaron os XXII Premios Irmandade do Libro que se entregarán en Monforte o sábado día 20 de abril.

 

Pilar López agradeceu á Federación de Libreiros o ter pensado en Monforte para realizar a entrega destes premios. A concelleira dixo que este acto convertirá a nosa cidade na capital da promoción da cultura.

 

A edil monfortina destacou o esforzo por manter viva a nosa cultura en tempos de dificultade económica, aínda que sexa con pequenos actos e co labor que desenvolven as bibliotecas e os centros de ensino.

 

A presidenta da Federación de Libreiros agradeceu a acollida e colaboración prestada polo Concello para organizar este acto.

 

Pilar Rodríguez dixo que estes premios naceran no ano 1991, que as primeiras catorce edicións se realizaran en cada unha das capitais do Antigo Reino de Galicia e que, a partir da edición XV, o acto de entrega dos premios tén carácter itinerante por cidades e vilas galegas.

 

A presidenta da Federación de Libreiros comentou que estes premios pretenden homenaxear a tódalas persoas, entidades e institucións que durante o ano 2012 desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego. Os premios Irmandade do Libro entréganse nas seguintes modalidades:

 

. Libraría

· Autor/a

· Libro do ano

· Centro de ensino

· Obra editorial

· Fomento da lectura

 

Segundo comentou Pilar Rodríguez, o único premio que ten achega económica e o da modalidade de centros de ensino, mentres que os demais galardoados só recibirán unha pequena escultura en bronce.

 

A presidenta da Federación de Libreiros anunciou que o autor/a premiado este ano será Mª José Queizán en recoñecemento “ó seu traballo en favor do libro galego en tempos complicados”. Este é o único premio que se fai público ó mesmo tempo que se presenta o acto de entrega. Os demais premiados daranse a coñecer despois da derradeira reunión do xurado que se celebrará en Monforte o mesmo día da entrega dos premios.

Os premios entregaranse na Casa da Cultura de Monforte o próximo sábado día 20 de abril, a partir das sete do serán, nun acto que contará coas actuacións da Escola Municipal de Gaitas e do monologuista Carlos Blanco.

Archivos Adjuntos: