O Alcalde convoca unha reunión sobre o Hospital Comarcal para o martes día 26

O alcalde de Monforte anunciou en rolda de prensa que atenderá a petición presentada no Concello pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e convocará ós integrantes do CES, ós pedáneos e ós representantes das asociación, a unha reunión  que terá lugar o martes día 26 de marzo ás sete da tarde.

 

O obxecto da reunión, solicitada pola Plataforma é que se celebrará no salón de plenos da Casa do Concello, é decidir qué accións se van levar a cabo ante a mentira do presidente da Xunta de Galicia.

 

Severino Rodríguez dixo que coa aprobación do decreto de área sanitaria única “consumábase a traición á cidadanía e o Hospital Comarcal comezaba a estar en perigo”.

 

O Alcalde volveu insistir en que o presidente da Xunta non cumpríu coa palabra dada á cidadania garantindo que Monforte sería área sanitaria integrada independente de Lugo.

 

Rodríguez tamén falou da reunión mantida o pasado mércores pola tarde coa conselleira de Sanidade, e salientou que Rocío Mosquera mentiu cando, en resposta a unha pregunta que el lle formulou, dixo que non sabía cando se publicaría o decreto de área única, que estaban en trámites administrativos e que este tipo de tramitacións levaban o seu tempo. O Alcalde afirmou “publicaron o decreto en menos de 24 horas cando a conselleira afirmara, diante dos alcaldes, non saber cando se publicaría”.

 

O rexedor monfortino tamén falou da voceira do PP en Monforte, da que dixo “renegou da foto que a cidadanía quería ver, a foto de Julia Rodríguez manifestándose cos seus conveciños en defensa dos servizos do Hospital Comarcal, e preferiu a foto xunto á conselleira de Sanidade”.

 

Para Severino Rodríguez, estes son claros exemplos de que non podemos fiarnos das promesas do presidente e da conselleira “porque non teñen palabra, porque minten, porque entre a cidadanía e o partido sempre elixen o partido”. Por este motivo, engadiu, “non podemos fiarnos de que sean certas as bondades que anuncian coa creación da área única para a provincia de Lugo”.

 

Finalmente, o Alcalde dixo que o decreto estaba aprobado pero aínda non fora publicado. Tamén sinalou que debemos seguir defendendo o Hospital Comarcal e que el participará activamente na reunión do martes, ó tempo que se puxo a disposición da Plataforma “para estar en primeira liña onde a Plataforma considere que son máis útil”.

Archivos Adjuntos: