O encontro coa conselleira de Sanidade confirma a inminente publicación do Decreto da Área Sanitaria

“Enorme decepción”, ese sería o calificativo máis axeitado para definir o encontro que a conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, mantivo esta tarde en Compostela con alcaldes da Área Sanitaria de Monforte, entre os que estaba o rexedor da cidade do Cabe.

 

Na reunión, á que tamén asistiu a popular Julia Rodriguez Barreira e cargos da consellería e do Sergas, Rocío Mosquera expuxo as teóricas bondades da Área Sanitaria Única para a provincia de Lugo que, segundo comentou, mellorará os actuais servizos do Hospital Comarcal.

 

A conselleira de Sanidade tamén lles anunciou ós alcaldes que a publicación do Decreto será inminente.

 

No transcurso da reunión, Severino Rodríguez cumpriu coa petición que lle fixera o Consello Económico e Social, e dicir,  pedirlle á conselleira de Sanidade que o presidente da Xunta de Galicia cumprise coa súa palabra respecto da Área Sanitaria de Monforte. Rocío Mosquera contestoulle que coa publicación do Decreto o presidente cumpría co que prometera e que quen estaba equivocada era a cidadanía de Monforte.

 

A pesares da gran manifestación do sábado día 16 de marzo, clara expresión da vontade popular a favor da Área Sanitaria Integrada, e a pesares do compromiso adquirido por Núñez Feijoo en maio do 2010, a Xunta de Galicia continúa co seu plan de poñer en marcha a Área Sanitaria Única na provincia de Lugo.

 

Á reunión asistiron os alcaldes de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte, Pantón, Pobra de Brollón, Quiroga, O Saviñao e Sober. Como curiosidade, na fotografía da reunión difundida pola consellería non aparecen os alcaldes de Monforte nin da Pobra do Brollón, mentres que a imaxe da reunión que a conselleira mantivo pola mañá cos alcaldes da Mariña deixaba constancia de todo o grupo de rexedores que acudiron á mesma.