O Alcalde solicita unha entrevista urxente co presidente da Xunta de Galicia

O alcalde de Monforte solicitou esta mañá unha entrevista urxente co presidente da Xunta “co obxecto de recibir unha aclaración sobre o futuro do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos”.

 

Severino Rodríguez dirixiu a petición a Nuñez Feijoo a través de correo postal, adiantando a mesma mediante correo electrónico.

 

O Alcalde maniféstalle ó presidente da Xunta que a cidadanía “segundo quedou patente na manifestación do pasado sábado día 16 de marzo, quere un Hospital Comarcal con autonomía e capacidade de xestión, independente de Lugo e, cando menos, cos mesmos servizos cos que conta na actualidade”.

 

Por último, Severino Rodríguez faille saber a Nuñez Feijoo que “as reivindicacións da cidadanía son idénticas ó compromiso que vostede adquiriu en Monforte no mes de maio do 2010”, motivo polo que “lle agradecería tivera a ben recibirme á maior brevidade para aclarar se continúa mantendo a súa palabra ou se decidiu publicar o Decreto de Área Sanitaria Única para a provincia de Lugo”.

 

Xúntase texto íntegro da carta que o Alcalde dirixiu ó presidente da Xunta de Galicia.