Severino Rodríguez, en calidade de presidente do Pleno da Corporación de Monforte, convocou unha sesión extraordinaria e urxente solicitada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, por apreciar a existencia de motivos que impiden demorar a consideración do asunto que figurará na orde do día ata a próxima sesión ordinaria.
A convocatoria urxente desta sesión está motivada polas declaracións efectuadas o pasado día 8 de marzo polo Presidente da Xunta de Galicia, o Sr. Núñez Feijoo, nas que afirma “poñer en marcha unha área para coordinar todos os hospitais e toda a Atención Primaria da provincia de Lugo como fixemos na provincia de Ourense...”, e por considerar que, a día de hoxe, Monforte é unha Área Sanitaria con todas as súas competencias, pero de facerse realidade a publicación do Decreto de Estrutura de Xestión Integrada en Lugo, deixariamos de ter autonomía de xestión.
Diante desta situación, o Alcalde decidiu convocar sesión de carácter extraordinario e urxente a celebrar este mércores día 13 de marzo de 2013, ás 20:30 horas, no salón de sesións da Casa do Concello, a fin de resolver os puntos incluídos na seguinte ORDE DO DÍA :
1º.- Pronunciamento sobre a urxencia
2º.- Proposta sobre o mantemento da Área Sanitaria de Monforte de Lemos
A celebración deste pleno urxente e extraordinario convocado polo Alcalde prodúcese a raíz da solicitude efectuada pola Plataforma Sanitaria diante da inminente publicación do decreto da área provincial de xestión integrada.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) pretende que os grupos políticos da Corporación Municipal manifesten con claridade a súa postura sobre o futuro do Hospital Comarcal, instando ó presidente da Xunta a que cumpra a palabra dada e manteña as actuais competencias e autonomía do hospital monfortino, así como o mapa da área sanitaria.
Cumprindo co regulamento de participación cidadá, será un/unha voceiro/a da Plataforma quen intervirá no pleno para expoñer os argumentos que os levan a observar múltiples riscos para Monforte e a súa área sanitaria no caso de que se centralice en Lugo a xestión do noso hospital.
Segundo a Plataforma, a perda de capacidade de decisión do Hospital Comarcal poñería en risco a continuidade de servizos como xinecoloxía e pediatría, e todos aqueles que contan cun único especialista, caso de reumatoloxía, pneumoloxía, endocrinoloxía e neuroloxía.
En documento adxunta figura a proposta que será debatida no pleno.