Este luns celebrouse unha reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade, solicitada polo alcalde de Monforte para analizar a situación da rúa Duquesa de Alba.
Na xuntanza acordouse intensificar a colaboración xa existente entre os efectivos de policía Nacional, Autonómica e Local, para controlar os horarios dos establecementos da rúa Duquesa de Alba, que concentra a meirande parte dos pubs da cidade. O apoio da policía Nacional e Autonómica estenderase ó control do nivel de ruídos, tanto nos propios locais como na rúa.
Este acordo adoptouse na xuntanza que se celebrou onte no consistorio monfortino, e que copresidiron o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz. Á reunión tamén asistiron a concelleira de Seguridade, Mª Xosé Vega, e mandos da policía Nacional, Autonómica e Local, os corpos que teñen competencias sobre a actividade dos locais nocturnos.
Na Xunta Local de Seguridade analizáronse os datos sobre os incidentes producidos na citada rúa durante os derradeiros anos, chegando á conclusión de que “os casos que se producen son puntuais e resólvense na súa totalidade, o que indica que as forzas de seguridade actúan e chegan ata o final”, subliñou Mª Xosé Vega.
A concelleira de Seguridade indicou que a policía Local coñece o tipo de licenzas dos establecementos, os horarios de peche e os niveis de ruído, salientando qué “no que vai de ano xa se abriron trinta expedientes e durante o ano 2012 iniciáronse máis de vinte”, e comentando que estes expedientes remítense ás forzas autonómicas que son as que teñen competencias para sancionar.
Mª Xosé Vega sinalou que os niveis dos últimos controis realizados nos pubs están dentro dos parámetros permitidos e que o maior problema dos ruídos está na rúa, “unha competencia doutros corpos de seguridade que atestiguan que non é unha zona na que haxa alarma social”.