O goberno municipal rexeita a supresión das oficinas de Rexistro da Propiedade

A supresión das oficinas liquidadoras dos Rexistros da Propiedade nos concellos galegos centra unha moción presentada polo grupo de goberno monfortino que será debatida no próximo pleno.

 

Segundo expón a proposta dos nacionalistas, a Xunta decidiu suprimir as oficinas dos Rexistros da Propiedade en máis de corenta municipios das catro provincias galegas.

 

Para o goberno monfortino esta nova medida da Xunta provocará a perda de máis de 150 postos de traballo cualificados e asentados nun entorno tan sensible como o do medio rural galego.

 

Consideran que este novo recorte diríxese contra o proceso de comarcalización dos servizos e do equilibrio territorial, privando á veciñanza de vilas e aldeas  dun servizo necesario e próximo que se viña prestando dende hai moitos anos.

 

Por estes motivos, o grupo de goberno solicita que a Corporación Municipal de Monforte inste á Xunta de Galicia a explicar as razóns que sustentan a decisión  de suprimir máis de corenta oficinas do Rexistro da Propiedade, e a paralizar esta medida ata ter analizado, caso por caso, as consecuencias que a mesma puidera ter sobre a poboación rural.